Skip to main content

A Facultade de ADE acolle esta semana dous obradoiros do programa de emprendemento Argos

A creación de equipos de emprendedores centrará a sesión do martes, mentras que o programa abordará o xoves 26 o plan de negocio

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acollerá esta semana dous obradoiros do programa Argos, unha iniciativa promovida pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) en colaboración con Uninova e coas facultades de Ciencias Económicas e de Administración e Dirección de Empresas. Este proxecto, orientado á constitución e ao adestramento de equipos emprendedores, busca identificar e axudar a potenciais emprendedores a crear novas empresas en colaboración cun equipo multidisciplinar.

A creación de equipos de emprendemento centrará este martes, a partir das 16.00 horas, no seminario 1 da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, o primeiro dos obradoiros do programa Argos que se desenvolverán esta semana no centro universitario lugués, o mesmo escenario que o xoves 26 acollerá outra sesión deste proxecto, na que se abordará o plan de negocio. O programa Argos da USC propón un modelo de emprendemento diferente á tradicional concepción individualista. Daquela, Argos defende a creación de equipos de traballo eficientes e innovadores abertos á participación de persoas con distintos perfís de aptitudes e competencias, xa que a combinación destes elementos constitúe un factor clave no éxito dunha iniciativa emprendedora. Outro dos obxectivos deste programa da USC pasa por xerar oportunidades para mobilizar e transferir coñecemento xerado nos seus departamentos e laboratorios, poñéndoo ao servizo dun plan de negocio no que non necesariamente debe participar persoal do grupo que xerou tal coñecemento. Argos baséase nunha metodoloxía de aprender facendo e os participantes neste programa teñen á súa disposición recursos técnicos e tamén o apoio de mentores especializados. Asemade, os equipos de emprendedores que desenvolvan a súa idea ou plan de negocio contarán tamén con asesoramento no proceso de constitución e lanzamento das súas respectiva iniciativas.

The contents of this page were updated on 09.23.2013.