Skip to main content

Ramón Villares publica en francés a súa ‘Historia de Galicia’ nunha edición revisada e adaptada á dimensión exterior

Edición en francés da 'Historia de Galicia', de Ramón Villares
Edición en francés da 'Historia de Galicia', de Ramón Villares
O novo volume presenta un relato con vocación europea e incorpora monografías das principais cidades galegas, desde o Lugo romano ata Bos Aires, capital da emigración
Santiago de Compostela

O ex reitor e catedrático de Historia Contemporánea da USC, Ramón Villares, vén de publicar na editora universitaria Presses Universitaires de Rennes (PUR), un consorcio editorial de 12 universidades do noroeste de Francia, ‘Terre de Galice. Histoire d’un finistère européen’. Este volume, que consta de 506 páxinas, constitúe a versión en lingua francesa da súa coñecida ‘Historia de Galicia’ (Galaxia, 2016), realizada pola tradutora asentada en Vigo, Béatrice Pépin, con revisión de Christine Rivalan-Guégo, profesora da universidade de Rennes-2 e cun prefacio de Jean François Botrel, ex reitor daquela universidade.

A versión en francés da obra de Ramón Villares respecta no esencial a versión orixinal, aínda que se trata dun libro parcialmente re escrito e adaptado para a edición francesa, especialmente no que ten que ver coa dimensión exterior, ibérica e europea, da historia de Galicia. Ademais, tanto no prefacio de Jean François Botrel como na introdución do autor, explícanse de forma máis detallada as relacións, antigas e recentes, entre a cultura galega e a francesa, subliñando de modo especial os vínculos establecidos coas rexións occidentais de Francia e en particular coa Bretaña.

‘Terre de Galice’ conta o devir histórico de Galicia desde os tempos prehistóricos ata a situación actual, prestando especial atención ao peso da Igrexa na conformación da historia de Galicia, a relevancia da creación do reino de Portugal, a vida cultural e a xénese e desenvolvemento do galeguismo, como movemento que construíu unha idea de Galicia como unha nación cultural europea.

O novo volume que vén de publicar a editorial universitaria francesa incorpora tamén varias monografías dedicadas ás principais cidades galegas, desde o Lugo romano ata Bos Aires, gran capital dos galegos na diáspora durante o século pasado, sen desatender a Compostela da época áurea de Diego Xelmírez, o Ferrol ilustrado e náutico, o Vigo industrial ou o Ourense que foi o berce da Xeración Nós.

Como se indica no título, o obxectivo central deste libro é contar a historia dun país atlántico e de fisterra, con clara vocación europea pero moi vinculado aos países do continente americano, grazas en grande parte á emigración galega. Os viaxeiros e peregrinos que se acheguen a Galicia nos próximos anos, en especial con ocasión do Ano Xacobeo de 2021, encontrarán neste libro una información segura e contrastada sobre esta Galicia dotada dunha forte personalidade cultural, fondamente europea e moi aberta ao mundo.

The contents of this page were updated on 12.30.2019.