Skip to main content

O Centro Nacional de Xenotipado desenvolveu en Santiago a súa xornada anual

De esquerda a dereita, Francisco González, Luis Verde e Ángel Carracedo. Foto: SERVIMAV
De esquerda a dereita, Francisco González, Luis Verde e Ángel Carracedo. Foto: SERVIMAV

O Centro Nacional de Xenotipado - Instituto Carlos III (CeGen-ISCIII) organiza este venres 27 no Aulario Novoa Santos da USC (a carón do CHUS) a súa xornada anual na que, baixo o título ‘ Tecnoloxías de Xenotipado e Investigación’, participarán nove investigadores e investigadoras de distintos centros, estatais e internacionais, que mostrarán os estudos realizados coas distintas plataformas do CeGen-ISCIII e os resultados obtidos. A inauguración da xornada será ás 10.15 horas nun acto ao que asisten o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Francisco González; o xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago de Compostela, Luis Verde; e o director do Nodo CeGen-ISCIII en Santiago, Ángel Carracedo. Entre o grupo de prestixiosos especialistas que intervirán no encontro figuran Jordi Surralles, do Departamento de xenética e microbioloxía da Universidade Autónoma de Barcelona; Lluís Montoliu, do Centro Nacional de Biotecnoloxía; Marina Pollán, do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III; ou Iñaki Martín-Subero, do Departamento de anatomía patolóxica, farmacoloxía e microbioloxía da Universidade de Barcelona. Ademais, participan expertos da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e das Universidades de Santiago, Cardiff ou Zaragoza. O CeGen-ISCIII O CeGen-ISCIII, plataforma tecnolóxica creada en 2003, é actualmente unha Estrutura Estable de Investigación Cooperativa do Instituto de Saúde Carlos III. O seu obxectivo é realizar proxectos de xenotipado de alto nivel a grande escala e baixo custe, tanto en humanos como en calquera outra especie animal ou vexetal. Na actualidade, está formado por dous nodos, en Santiago de Compostela e Madrid, dirixidos por Ángel Carracedo e Javier Benítez, respectivamente. O centro pode realizar desde unha análise de xenoma completo ata un estudo cun pequeno número de marcadores ou mostras de maneira que cobren todas as necesidades que poidan ter os investigadores. Ademais ofrece servizos complementarios como a extracción, a cuantificación ou a amplificación de ADN. Por outro lado, o CeGen-ISCIII participa en proxectos de investigación tanto estatais como internacionais, en colaboración con outros grupos, que buscan coñecer as bases xenéticas de enfermidades como o cancro de mama, colorrectal, tumores endocrinos, tumores óseos, leucemias, enfermidades cardiolóxicas, oftalmolóxicas, psiquiátricas, do neurodesenvolvemento e neurolóxicas, entre outras. Ademais traballa en temas como a farmacoxenética e farmacoxenómica. En 2012 esta plataforma realizou servizos de xenotipado para 99 centros de investigación e 112 investigadores diferentes, publicou 75 artigos que incluían traballos realizados con tecnoloxías propias en revistas indexadas en JCR e participou en máis de 20 proxectos de investigación.

The contents of this page were updated on 09.27.2013.