Skip to main content

A Universidade de Santiago homenaxeou ao profesor Gómez Segade

Ao acto acudiron numerosas amizades e colegas académicos e profesionais do Dereito. Foto: Servimav-USC
Ao acto acudiron numerosas amizades e colegas académicos e profesionais do Dereito. Foto: Servimav-USC

Numerosas amizades e colegas académicos e profesionais do Dereito quixeron acompañar este venres ao profesor da Universidade de Santiago José Antonio Gómez Segade na homenaxe que a USC lle rendeu por mor da súa xubilación como docente. No acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, no que o propio profesor Gómez Segade impartiu unha lección maxistral, interviñeron o reitor da USC, Juan Casares Long; o director do Departamento de Dereito Mercantil e do Traballo, Ángel García Vidal, e o decano da Facultade de Dereito, Miguel Míguez Macho. Na mesa presidencial estaba ademais a secretaria xeral da Universidade, Lourdes Noya. Gómez Segade José Antonio Gómez Segade (Monterrei-Ourense, 1943) é licenciado e doutor en Dereito pola USC, en ambos os dous casos con Premio Extraordinario. Catedrático de Dereito Mercantil en Valencia e desde 1981 en Santiago de Compostela, de 1994 a 2004 foi adxunto no Franklin Pierce Law Center en Concord (EE.UU.). Ten no seu haber varios libros, máis de 130 artigos en revistas estranxeiras e estatais e 15 teses de doutoramento. O catedrático da USC foi decano da Facultade compostelá de Dereito, vicerreitor das Universidades de Valencia e Santiago de Compostela e director do IDIUS da USC. Foi ademais membro do Consello Asesor de Investigación da Oficina Europea de Patentes-OEP e do Comité Científico de denominacións de orixe da UE e vicepresidente do Xurado da Publicidade en Madrid.

Entre os recoñecementos acadados polo profesor Segade cabe destacar o Premio Galicia de Investigación ‘Montero Ríos’ concedido polo Goberno Galego en 2002 pola súa traxectoria como profesor e investigador senior.

O reitor Juan Casares presidiu a sesión celebrada no Colexio de Fonseca. Foto: Servimav-USC Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 09.27.2013.