Unhas xornadas en Dereito reflexionarán sobre a crise dos dereitos sociais
A xornada ‘Os dereitos sociais na crise. A crise dos dereitos sociais’ celebrarase na Facultade de Dereito da USC os vindeiros 10 e 11 de outubro organizada por Armela, Rede de Investigación en igualdade, dereitos e estado social, cuxa creación foi impulsada dende a USC e que está integrada por investigadores/as pertencentes a diversas universidades, institucións e organizacións sociais. O programa destes dous días estará organizado en cinco mesas nas que se debaterá sobre a privatización dos servizos públicos, os límites constitucionais ao recortes, dereitos sociais e activismo xudicial, a incidencia da crise nas políticas de xénero e os cambios competenciais e na configuración de dereitos coa crise como motor. Armela é unha rede de investigadores que ten como finalidade desenvolver conxuntamente e dende unha perspectiva multidisciplinar unha liña de investigación en relación aos dereitos, a igualdade e o Estado Social no contexto actual de crise económica e de forte contracción da intervención pública. Ademais, os seus obxectivos apuntan á divulgación social dos resultados das investigacións levadas a cabo no marco desta rede e á promoción da sensibilización social e dun pensamento crítico sobre as problemáticas vinculadas á garantía dos dereitos sociais e o principio de igualdade no contexto actual. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web de Armela.