Skip to main content

A Estación Científica do Courel da USC pon en valor a riqueza micolóxica da comarca coa celebración da II Festa da Cantarela

Cartaz da II Festa da Cantarela
Cartaz da II Festa da Cantarela
A xornada lúdica comezará o sábado 13 de xullo cunha ruta guiada desde Paderne do Courel, que acollerá en quenda de tarde charlas e unha degustación deste cogomelo
Lugo

A Estación Científica do Courel da USC, un centro singular da institución académica compostelá emprazado en Seoane do Courel e orientado a fomentar a investigación e a docencia en todas as áreas relacionadas coa montaña galega, organiza este sábado 13 de xullo en Paderne do Courel a II Festa da Cantarela, unha xornada festiva e de exaltación micolóxica, a través da que pretende poñer en valor este representativo cogomelo da comarca courelá, ademais de divulgar as súas principais características e posibilidades gastronómicas.

A xornada, organizada pola USC en colaboración doa Deputación Provincial de Lugo, Concello de Folgoso do Courel e a Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Courel, comezará pola mañá cunha ruta guiada polos itinerarios naturais da contorna. Unha vez rematada a camiñada, a actuación dunha banda de gaitas será o preludio da sesión inaugural da festa, un acto previsto para las 13.00 horas e no que se agarda a participación do director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, e doutros investigadores da USC ligados ao centro, así como da vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel. A Alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, e representantes políticos da Deputación Provincial de Lugo, tamén participarán nesta sesión. De seguido, os asistentes poderán degustar tapas elaboradas con cantarelas a prezo económico preparadas por casas rurais do lugar e polo cociñeiro Héctor López. Os menús que se despacharán terán un prezo de 8 euros e incluirán un viño ou auga, catro tapas elaboradas con cantarelas e unha xerra conmemorativa da II Festa da Cantarela.

A cantarela (Cantharellus cibarius, variedades e especies afines) é un dos cogomelos de maior tamaño comercial e valor gastronómico que se pode atopar no entorno galego. Este produto conta cunha gran calidade e amplas posibilidades de cociña, ademais de ser unha especie representativa da biodiversidade asociada aos soutos de castiñeiro. A cantarela supón un gran valor ecolóxico, cultural e económico na comarca do Courel e noutros territorios de montaña veciños.

Programa de tarde

Pola tarde, ás 17.30 horas, terá lugar unha charla divulgativa sobre distintos pratos que inclúen este cogomelo como ingrediente, así como a elaboración destes menús en directo e ao aire libre dan man do chef Héctor López. Antes desta sesión, os promotores da II Festa da Cantarela procederán á entrega dos premios do concurso fotográfico sobre a temática ‘As cantarelas e as paisaxes da montaña’. Este certame outorga tres galardóns: o primeiro, de 200 euros e un trofeo; o segundo, de 100 euros e trofeo; e na terceira posición, un trofeo. Ademais, as fotografías premiadas expoñeranse no Concello de Folgoso do Courel e/ou na Estación Científica do Courel (ECC).

A Festa da Cantarela é unha das actuacións contempladas no convenio que vén de renovar o grupo de Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC e a Deputación Provincial de Lugo, que financia este proxecto cunha achega de 40.000 euros, e a través do que se procura avanzar na promoción e valorización do turismo e dos recursos micolóxicos e naturais no xeodestino Ancares-Courel, segundo sinala o catedrático da USC e director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro Rodríguez.

The contents of this page were updated on 03.18.2021.