‘The Fraga Family’, unha historia sobre a emigración a través de tres xeracións
O fotógrafo galego Eutropio Rodríguez marchou a Nova York na década dos noventa na busca de historias fugaces coas que documentar a vida de varias familias galegas. Nese periplo pola grande urbe atopouse coa familia Fraga, que se convertería no centro do seu gran proxecto. ‘The Fraga Family’ é unha historia sobre o mundo, un proxecto sobre a emigración e a adaptación a outro país ao longo de décadas que a partir deste sábado 5 e ata o 29 de outubro se presenta ao público na Igrexa da Universidade como parte do Outono Fotográfico de Ourense. A inauguración será o sábado ás 19.30 horas. O proxecto expositivo consta de trinta e cinco fotografías en branco e negro realizadas en 1997 e 1998 na urbe norteamericana, na que fotografou a vida no Bronx, as festas da rúa, o metro... pero non foi ata visitar a familia Fraga un par de veces cando soubo que o seu novo universo sería un apartamento duns sesenta metros cadrados no que vivían tres xeracións de tres nacionalidades diferentes. A exposición correspóndese coa primeira parte dun proxecto máis amplo que se completará na primavera de 2014, cando Eutropio fotografe os Fraga 15 anos despois. O autor Eutropio Rodríguez (Compostela, 1969) é licenciado en Historia da Arte pola USC e graduado en Fotografía Documental polo International Center of Photography de Nova York. O autor combina o seu traballo de fotógrafo comercial e editorial cos seus proxectos documentais persoais, como o que este sábado se presenta. Premiado en diversos certames como o Premio Ksado da Deputación da Coruña e o Premio Caja España, ten publicado o seu traballo en The New York Times e Rolling Stone Magazine-New York, entre outros. A súa obra está presente en coleccións como a de URJC, International Center of Photography e Caja España Foi docente de fotografía no International Center of Photography e a New School for Social Research e actualmente éo no Museo de Gas Natural-Fenosa, o Centro de Arte do Aire e o Espaz Neutro de Cangas.