Skip to main content

Gastronomía pedagóxica na Universidade de Santiago

As 'Aulas activas de cociña' están aberta a toda a cidadanía
As 'Aulas activas de cociña' están aberta a toda a cidadanía
A Universidade retoma as aulas activas de cociña

A Universidade de Santiago volve apostar por segundo ano consecutivo polas ‘Aulas activas de cociña’, un proxecto de gastronomía pedagóxica aberto a toda a cidadanía co que se pretende ensinar a cociñar ao tempo que se achega unha cultura de hábitos de consumo saudables e se aumenta o coñecemento do medio e dos produtos. O programa contempla unhas ‘Aulas activas de cociña’ a desenvolver en distintas datas ata final de curso con variadas temáticas centradas en produtos concretos. As clases, cun formato lúdico e con prácticas individualizadas, terán lugar no comedor do Colexio de Fonseca. Entre os docentes estarán o profesor do CIFP Compostela (Santiago) Jorge Carou Horta, con experiencia en restauración en Galicia e Londres, e o cociñeiro e profesor do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, Daniel Pulzoni. Cursos continuos e monográficos Na organización das aulas tivéronse moi en conta as suxestións do alumnado da primeira edición. Haberá dous cursos continuos de 44 horas e distintos monográficos ao longo dos cuadrimestres, de 6 e 8 horas. Os dous cursos continuos de cociña celebraranse os martes dende o 15 de outubro ata o 27 de maio, con sesións de hora e media de duración. Son de dúas propostas globais que se diferencian no seu nivel: unha será un achegamento ás técnicas básicas con receitas e execución sinxelas e a segunda sobre técnicas máis avanzadas, permitindo o deseño de ofertas gastronómicas e cociña de autor. Os monográficos deste primeiro cuadrimestre terán lugar os mércores, en sesións de dúas horas. Do 16 ao 30 de outubro os pratos vexetarianos serán os protagonistas; do 6 ao 27 de novembro será tempo para a cociña de outono; e do 4 ao 18 de decembro apostarase por cociña de Nadal económica. Xa en xaneiro haberá un curso centrado na cociña para celíacos. Para conseguir toda a información sobre os cursos e formalizar a matrícula, as persoas interesadas deben dirixirse á Área de Cultura da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, no Colexio de San Xerome, ou chamar aos teléfonos 881811018 e 881811103.

The contents of this page were updated on 10.08.2013.