Skip to main content

Estudan por vez primeira a demanda que a poboación xeriátrica galega fai do servizo de urxencia prehospitalaria

De esquerda á dereita José M. Mayán e Mario López Pérez
De esquerda á dereita José M. Mayán e Mario López Pérez

Mario López Pérez acaba de rematar na súa tese de doutoramento un estudo retrospectivo e estatístico para analizar os aspectos relacionados coa demanda e coordinación que o/a usuario/a xeriátrico/a fai da urxencia e emerxencia prehospitalaria en Galicia. As conclusións de Mario López sinalan que a demanda de atención xerada por pacientes maiores de 64 anos –colectivo que representa ao 21% da poboación– constitúe o 47% do total, xerando unha taxa de chamada 3,28 veces superior. Segundo o mesmo estudo, o patrón de chamada se caracteriza por concentrarse en xornada de día e no inverno, chegando a alcanzar o 50% do total en certas franxas. Por áreas de residencia, a poboación urbana mostrouse globalmente moito máis demandante. Estas son as principais conclusións da tese que defendeu Mario López Pérez baixo a dirección do profesor José M. Mayán e ante un tribunal que presidiu Mª Jesús Núñez e que integraban Manuel Gandoy, María Manuela Ferreira Pereiora da Silva Martins , Paula Cristina Pelicano Rodrigues da Silva e José A. Iglesias. O traballo foi cualificado como sobresaliente cum laude coa acreditación de doutor europeo A investigación fixo uso dos datos xerados a partir da explotación dos rexistros informáticos da central de coordinación do 061 de Galicia, concretamente as chamadas que xeraron algún tipo de servizo durante os anos 2006, 2007 e 2008. Como indica o doutor López, pese a que existía unha frecuente percepción de que unha poboación avellentada xerará unha maior demanda sanitaria, o estudo do/a paciente/ xeriátrico/a no referente á emerxencia en xeral e á prehospitalaria en particular son temas de escasa análise. Como explica o director do traballo de investigación, este traballo representa a primeira tese de doutoramento que relaciona o sistema de emerxencias prehospitalarias do 061 coa utilización que del fan as persoas maiores no ámbito xeográfico galego.

The contents of this page were updated on 10.08.2013.