Skip to main content

O San Froilán e a Universidade en Lugo, temas dun XIX Maratón Fotográfico do Campus que conta con 78 persoas inscritas

Eduardo Ochoa, Pedro García Herradón e Mario Outeiro, cos participantes do XIX Maratón Fotográfico do Campus
Eduardo Ochoa, Pedro García Herradón e Mario Outeiro, cos participantes do XIX Maratón Fotográfico do Campus
A temática libre amplía o abano de posibilidades dunha heteroxénea caravana artística que partiu este mércores da Casa do Saber na procura das mellores imaxes

O XIX Maratón Fotográfico do Campus captará imaxes do San Froilán e tamén outras instantáneas significativas da presenza e da actividade da Universidade de Santiago na capital luguesa, tal e como informou o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, aos participantes nesta nova edición dun certame fotográfico organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que repartirá 1.150 euros en premios entre os gañadores.

As 78 persoas inscritas para tomar parte nesta xa tradicional cita coa fotografía partiron na mañanciña deste mércores da Casa do Saber na procura das mellores instantáneas encomendadas polos organizadores do certame, así como doutras de temática libre, a gusto do autor, logo de participar nunha breve recepción na que, ademais do vicerreitor Pedro García Herradón, tamén estiveron presentes o deputado provincial de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, así como o coordinador do Espazo de Fotografía do campus de Lugo e compoñente do grupo Fonmiñá, Eduardo Ochoa. A presentación dos temas sobre os que deben versar as fotografías presentadas a concurso no XIX Maratón Fotográfico do Campus e o recordatorio das bases que rexen este certame e da obrigatoriedade dos participantes de entregar a súas respectivas creacións fotográficas nas oficinas da Área de Cultura do campus antes das 14.00 horas do xoves 10 de outubro, serviu tamén para que os concursantes consultaran algunhas dúbidas relativas ao formato dixital máis acaído para entregar as imaxes ou sobre a técnica fotográfica a empregar. Unha fotografía de familia dos participantes e promotores do XIX Maratón Fotográfico do Campus serviu de colofón a esta breve recepción de apertura dun certame que procura divulgar a paixón pola fotografía, tanto na modalidade analóxica como na dixital. Ao remate deste acto, as persoas inscritas recolleron un carrete fotográfico, no caso de decantarse pola modalidade de fotografía analóxica, ou un CD, para gardar as imaxes obtidas con cámara dixital. Todos os participantes recibiron asemade unha ficha na que poden indicar, ademais dos datos persoais, o título ou unha pequena lenda informativa ou simbólica das imaxes presentadas a concurso. Os/as participantes poderán concorrer cunha imaxe por cada un dos tres temas nos que se estrutura o certame. Premios e diplomas Os organizadores do XIX Maratón Fotográfico do Campus contemplan a entrega de catro premios, que contan cunha dotación conxunta de 1.150 euros. Así, o autor/a da mellor fotografía de cada uno dos temas do concurso será agasallado/ con 250 euros en metálico, trofeo e diploma. Asemade, do mesmo xeito que en convocatorias anteriores, o Premio Carlos Valcárcel, dotado con 400 euros, ademais de diploma e trofeo, distinguirá a mellor colección de fotografías dun mesmo autor nos tres temas do concurso. Todas aquelas persoas que non resulten premiadas no certame tamén recibirán un diploma acreditativo da súa participación no XIX Maratón Fotográfico do Campus, unha cita que atopa na cidade de Lugo o espazo físico no que se desenvolve, pero que cada vez atrae máis persoas de fóra da capital e da provincia, así como do resto de Galicia e incluso doutras rexións. Do mesmo xeito que en edicións anteriores, ao remate do certame e logo de que o xurado determine os traballos galardoados, os organizadores do XIX Maratón Fotográfico do Campus farán unha escolma das imaxes presentadas, premiadas e non premiadas, a fin de que estean representados todos os participantes. Esta selección de fotografías, que posteriormente serán incluídas nun catálogo, poderán visualizarse tamén na exposición que nos próximos meses abrirá ao público na sala Isaac Díaz Pardo da Facultade de Veterinaria. Curso de Fotografía A Área de Cultura do campus de Lugo mantén aberta a inscrición no curso de fotografía que se desenvolverá a partir do 15 de outubro no laboratorio de fotografía e na aula XXV aniversario da Facultade de Veterinaria de Lugo. Este seminario, que está estruturado en 40 horas de información, será impartido polo fotógrafo lugués do grupo Fonmiñá Eduardo Ochoa. As clases desenvolveranse os martes e xoves lectivos do 15 de outubro ao 5 de decembro en quenda de tarde, de 19.00 a 21.30 horas. As persoas que opten por matricularse neste curso de fotografía, aberto a todo o mundo, poderán adquirir ou, de ser o caso, ampliar os seus coñecementos sobre a calidade técnica, composición, impacto ou sobre a mensaxe das instantáneas. O manexo e as características da cámara fotográfica tamén forma parte dos contidos deste curso, cuxo alumnado terá tamén a ocasión de achegarse a grandes autores da fotografía de todos os tempos, ademais de gozar de experiencias de traballo no laboratorio de fotografía. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición nas oficinas da Área de Cultura do campus de Lugo, ou a través do número de teléfono 982 821 513. Pódese obter máis información na páxina web http://www.usc.es/cultura/fotografia.htm.

The contents of this page were updated on 10.09.2013.