Amplíase a oferta deportiva da Universidade de Santiago

Preto de 37.000 metros cadrados para a práctica libre, competicións e numerosas escolas conforman a oferta deportiva da Universidade de Santiago, explicaron en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e o director do Servizo de Deportes da USC, Miguel Magán, quen advertiron que esta práctica pode validarse por créditos ECTS. Entre as novidades para este curso académico atópanse as escolas deportivas de zumba (ou cardiodance), baile deportivo e xuvenil e meditación; a integración no programa de tenis de nenos e nenas de 5 anos, co conseguinte incremento de profesorado; ou a incorporación ao grupo de actividades federadas e de competición de atletismo, judo, karate, taekwondo e xadrez. Escolas deportivas Son máis de vinte as escolas deportivas que ofrece a USC en Santiago e dez en Lugo. No campus compostelán, desde as relacionadas coa natureza con rutas por Galicia e por Compostela ata as de natación para todos os públicos, para persoas con diversidade funcional, para alumnado de colexios da cidade, terapéutica, de aqua-gym ou matronatación pasando por actividades de relaxación como ioga, tai-chi e pilates. A USC conta tamén con escolas de actividades de acondicionamento e competición como areobic e step, atletismo, bailes de salón e latinos, esgrima, judo, karate, kung-fu, mantemento, mellora da condición física, taekwondo, tenis, tiro con arco, baile en liña e country, ximnasia terapéutica e xadrez. En Lugo as actividades son acondicionamento físico, danza oriental, esgrima, GAP, ioga, mantemento+aeróbic+step, pilates, squash, xadrez e ximnasia de mantemento. Práctica Libre No que respecta á práctica libre –á que se accede con entradas puntuais, bonos ou reservas- as persoas usuarias dispoñen dunha piscina cuberta climatizada de 25 metros con seis canles, catro pistas de tenis ao aire libre e un campo de hoquei-herba. Ademais, a USC conta cun pavillón polideportivo para practicar balonmán, fútbol-sala, voleibol, baloncesto reducido e bádminton. Quen desexe xogar ao fútbol pode facelo no campo de 11 ou nos dous transversais de fútbol 7, e quen queira practicar atletismo dispón dunha pista regulamentaria de 400 metros e oito carreiros ademais de zonas de saltos e lanzamentos e corredores interiores de adestramento. Por último, a USC conta con salas de acondicionamento físico equipadas con máquinas de exercicio cardiovascular e musculación, salas de artes marciais con tatami regulamentario, espazo de xadrez e varias salas de usos múltiples. Deporte de competición Ademais de todo o mencionado, a USC ofrece a posibilidade de participar en diversos campionatos galegos universitarios, en ligas universitarias de fútbol (en todas as modalidades), baloncesto, balonmán, voleibol, rugby e hoquei herba. Este ano ademais o equipo da USC volve participar nos Xogos Galaico-Durienses. Por outra banda, e a maiores de poder adestrar en deportes colectivos, a comunidade universitaria pode formar parte do Club USC nas seccións de atletismo, judo, karate, natación, orientación, taekwondo, tenis, xadrez e fútbol veterano. Máis de 1.000 usuarios diarios No curso 2012-2013 déronse de alta nas actividades deportivas da USC un total de 10.341 persoas, na súa maioría integrantes da comunidade universitaria. Nese período, as actividades na natureza (roteiros e sendeirismo) e as escolas relacionadas coa natación e as actividades acuáticas foron dúas das que máis número de usuarios/as atraeron, preto de 1.000 no primeiro caso e máis de 2.200 no segundo.
Os datos, recollidos na Memoria de Actividades Físico-Deportivas da Área de Deportes, destacan ademais o número de licenzas xestionadas nas ligas internas disputadas no pasado curso. Foron un total de 3.718 para 236 equipos de Santiago e Lugo. En opinión de Miguel Magán, esta intensa actividade explica o destacado nivel de ocupación das instalacións deportivas, cunha media diaria de 1.068 usuarios/as, maioritariamente no estadio de atletismo e na piscina así como no pavillón e pistas de tenis.