Skip to main content

Inauguración da exposición ‘Cidades invisibles’

Cartel da exposición
Cartel da exposición
É un proxecto expositivo da Asociación Cultural Fotoforum Compostela que ten como referente o libro de Italo Calvino
Santiago de Compostela

A Igrexa da Universidade acollerá a partir deste xoves 11 a mostra ‘Cidades invisibles’, proxecto expositivo da Asociación Cultural Fotoforum Compostela que ten como referente o libro de Italo Calvino As Cidades Invisibles. A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, e o fotógrafo e comisario da mostra, Fucos Reyes, inaugurarán a mostra nun acto a partir das 20.00 horas.

Cada unha das fotografías que compoñen esta exposición colectiva representa a cidade invisible do seu autor ou autora. Son cidades que se constrúen a través das lembranzas; lugares que se visitan como nun soño; rúas onde o transeúnte pode sorprenderse cunha sombra ou un reflexo que o invita a penetrar no seu misterio; prazas nas que se atravesa o tempo; esquinas que ao dobrar nos trasladan a outras vidas non vivimos por azar, ou por destino.

O conxunto expositivo parte da idea proposta no libro As cidades invisibles, onde Calvino propón unha serie de relatos de viaxes que Marco Polo narra a Kublai Kan, emperador dos tártaros. Neles, Marco Polo describe lugares fantásticos: cidades escondidas, continuas, sutís; desexos, nomes, ceos, intercambios, mortos, ollos e signos.

The contents of this page were updated on 12.30.2019.