Skip to main content

Éxito de participantes nos cursos de verán da USC sobre plantas medicinais nas reservas da biosfera e ‘O corpo a debate’

Asistentes ao curso de verán sobre plantas medicinais na Escola Politécnica Superior
Asistentes ao curso de verán sobre plantas medicinais na Escola Politécnica Superior
Preto de 200 persoas participan desde hoxe ata o xoves nos campus de Lugo e de Compostela nestes seminarios programados ao abeiro da Universidade de Verán 2013

Os cursos de verán ‘As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses’ e ‘O corpo a debate’ reúnen desde este luns ata o vindeiro xoves, día 1 de agosto na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e na Facultade de Filosofía de Santiago, respectivamente, preto de 200 persoas.

O vicerreitor adxunto de Innovación e Investigación do campus de Lugo, Pablo Ramil; os directores deste seminario da Universidade de Verán 2013, Rosa Romero e Antonio Rigueiro, e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno; a directora do Ibader, Elvira López Mosquera; a concelleira de Educación do Concello de Lugo, Esther Muñoz, e a deputada provincial delegada da área de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, inauguraron esta mañá este curso de verán, o programa que rexistrou un maior número de persoas matriculadas de todos os programados ao abeiro da Universidade de Verán 2013. Un relatorio sobre a historia da utilización das plantas medicinais, a cargo do profesor do Departamento de Botánica da Universidade de Santiago Pablo Ramil Rego, abriu a quenda de intervencións neste foro, no que relatores de Galicia e tamén procedentes doutras comunidades autónomas abordan a riqueza natural e o potencial económica das plantas medicinais. Os principios activos e a actividade terapéutica dos principais grupos de plantas medicinais, as especies vexetais con interese medicinal en Galicia, e a influencia dos factores ambientais nas propiedades destas plantas serán outros dos temas a tratar na primeira xornada deste curso de verán, cuxa elevada presenza de asistentes obrigou a trasladar a súa sede do Ibader á Escola Politécnica. A temática dos relatorios programados na segunda xornada deste curso abrangue cuestións moi diversas, tales como a importancia económica do aproveitamento de plantas medicinais, o seu procesado industrial ou o cultivo ecolóxico. Os modelos de produción e cultivo destes vexetais en Cataluña centrará o último dos relatorios que se celebrarán o 30 de xullo. A penúltima xornada do curso ‘As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses’, inclúe unha viaxe de prácticas á Insua de Seivane, dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño e do LIC Ladra-Parga-Támoga, durante a que as persoas inscritas neste curso de verán da USC poderán poñer en práctica e recoñecer as distintas plantas medicinais que atopen no campo. Xa pola tarde, haberá obradoiros de cosmética natural, que serán impartidos por persoal de Milhulloa Plantas Medicinais e Aromáticas Sociedade Cooperativa Galega. Este curso de verán sobre plantas medicinais nas reservas da biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses rematará o 1 de agosto con dous relatorios sobre fungos medicinais e recolección e cultivo de xanzá. O corpo a debate O curso de verán ‘O corpo a debate: diversidade nos mecanismos, prácticas e avatares da corporalidade como inscrición social’, organizado polo proxecto campUSCulturae e dirixido polo profesor Xosé A. Neira Cruz, converte desde hoxe ata o vindeiro xoves a Facultade de Filosofía de Santiago nun espazo aberto de coñecemento e de debate sobre unha temática que espertou o interese de preto de 80 matriculados. Nesta proposta formativa e divulgativa da Universidade de Verán 2013 intervirán como relatores, entre outros, os profesores da USC Ángel Carracedo e Teresa Moure, a investigadora da Universidade Complutense de Madrid Raquel Lucas Platero ou o teólogo e profesor Andrés Torres Queiruga.

O corpo a debate entronca coa celebración do congreso ‘NOSoutros: Arte, comu-nicación e integración social’, que tivo lugar o pasado mes de decembro na Facultade de Ciencias da Comunicación. Segundo explican os promotores deste curso, a raíz do devandito congreso emerxeu unha batería de cuestións que desbordaban o marco expositivo do mesmo. Así, o feito de reflexionar arredor da diversidade orgánica e funcional destapou a necesidade de reformular, máis en profundidade, a problemática do corpo como inscrición social, engaden os organizadores. O curso de verán ‘O corpo a debate’ será retransmitido en streaming a través da web do proxecto campUSCulturae (http://campusculturae.usc.es).

Autoridades académicas e políticas que participaron na inauguración do seminario

The contents of this page were updated on 07.29.2013.