Xuntanza final do proxecto europeo Euriper, sobre políticas rexionais e de innovación da Unión Europea
O proxecto EURIPER (EU Regional and Innovation Policies and Peripheral Regions) celebrará este xoves 11 e o venres 12 a súa conferencia final na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. EURIPER fora seleccionado pola Comisión Europa para difundir e debater a importancia das políticas rexionais e de innovación da Unión Europea, en particular para aquelas rexións menos desenvolvidas. O proxecto lidérao o profesor do grupo ICEDE, Manuel González.
Para acadar o seu obxectivo, Euriper estableceu unha rede académica e de investigación encargada de desenvolver actividades de investigación e docencia sobre a materia, coa participación de policy-makers tanto da Comisión Europea como das distintas rexións ás que pertencen os investigadores e investigadoras do proxecto. No seu desenvolvemento contou cun grupo científico-académico formado por oito especialistas de catro universidades europeas, concretamente da USC e das universidades de Bari (Italia), de Jagiellonian (Polonia) e Agder (Noruega). Ademais, tamén interviu un grupo asesor formado por seis investigadores de recoñecido prestixio pertencentes ás universidades de Kiel (Alemaña), Lund (Suecia) e á Copenhagen Business School (Dinamarca).
O proxecto debía incidir en tres cuestións concretas como son o proceso de integración europea e as políticas rexionais e de innovación na UE; o catálogo existente destas políticas; e o seu impacto nas rexións periféricas.
Conferencial final
A inauguración deste encontro de clausura do proxecto Europer comezará este xoves 11 a partir das 9.30 horas na Facultade de Ciencias Económicas, dando paso á quenda de intervencións sobre políticas rexionais e de innovación, cuestións que continuará abordándose o venres 12 a través da presentación de casos de estudo.