Estudantes de máis de vinte nacionalidades chegan a Santiago para aprender lingua e cultura española
Cursos Internacionais da USC inaugura este martes os seus cursos de verán nos que preto de seiscentos estudantes recibirán clases de lingua e cultura española e galega, superando este ano todas as cifras de participación. A apertura ten lugar ás 19.00 horas no Paraninfo da USC (Facultade de Xeografía e Historia) coa presenza do reitor Juan Casares; a concelleira Amelia González; e a xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud Álvarez. A continuación, o profesor e director do Instituto da Lingua Galega da USC Ernesto González imparte a charla ‘Cultura, Identidade e Comunicación’. O alumnado que viaxará este verán ata a capital galega para recibir aulas de lingua española procede de máis de vinte países distintos, cun incremento importante de Oriente Medio e novos grupos de universidades coreanas, xaponesas e chinesas. Entre outros, chegan a Santiago cunha nutrida representación as universidades estadounidenses Suffolk Count Community College, Suny at Old Westbury e Hosftra University, de Nova York; Metropolitan Denver College de Colorado, Loras College de Iowa, Texas Tech University Health Sciences Center e Washburn Topeka; da canadense British Columbia University; das brasileñas Asociación Cultural Caballeros de Santiago, Universidade Católica do Rio de Janeiro – PUC-RJ e Asociación Casa de España de Río de Janeiro; St. Clare´s Oxford (Reino Unido) e King Saud University (Arabia Saudí). Ademais da formación e lingua castelá, os estudantes, que estarán en Galicia unha media de catro semanas, recibirán clases sobre cultura española e galega e percorrerán diversos lugares da nosa xeografía.