Skip to main content

A Facultade de ADE acolle o 16 unha sesión de busca de emprego e orientación laboral dirixida a alumnos e titulados universitarios

As ferramentas para buscar traballo e os procesos de selección de persoal son algúns dos temas que se abordarán nesta xornada, cuxa inscrición está aberta e é gratuíta

A Área de Orientación e Inserción Laboral do campus de Lugo celebrará o vindeiro martes, día 16 de xullo, no salón de graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, unha xornada de busca de emprego e orientación laboral aberta á participación de estudantes e titulados/as universitarios/as.

Esta sesión informativa e de carácter divulgativo terá unha duración de dúas horas, de 11.00 a 13.00 horas, período no que a técnico de orientación laboral do campus de Lugo, Gloria Cruz Amil, ofrecerá un relatorio no que abordará cuestións referidas aos distintos métodos para a busca de emprego, tales como bolsas, prácticas..., a elaboración de currículos e cartas de presentación, ou as claves dos procesos de selección de persoal. A análise dos perfís profesionais e dos candidatos que demandan as empresas tamén figura no programa desta xornada, que ten como obxectivo dar a coñecer as pautas de busca activa de emprego a estudantes e titulados da USC, ademais de achegarlles as ferramentas e os métodos axeitados para dar o paso ao mercado laboral. As persoas interesadas en asistir a esta xornada de orientación laboral deberán formalizar a súa inscrición a través dos enderezos de correo electrónico gloria.cruz [at] usc.es (gloria[dot]cruz[at]usc[dot]es) ou emprego.lugo [at] usc.es (emprego[dot]lugo[at]usc[dot]es). O aforo da sesión é limitado e as solicitudes deben incluír os datos persoais do solicitante, a titulación que está a cursar ou, de ser o caso, o título universitario que xa posúe.

The contents of this page were updated on 07.10.2013.