Inaugúrase este xoves o curso de verán sobre fiscalidade e réxime xurídico do fútbol
Este xoves 18 dá comezo na Facultade de Dereito un curso de verán que abordará diversas cuestións ligadas coa fiscalidade do fútbol e con outras cuestións máis xenéricas que afectan ao réxime laboral e mercantil dos xogadores profesionais. A inauguración, ás 10.00 horas no salón de actos do centro, correrá a cargo do delegado especial da Axencia Estatal para a Administración Tributaria en Galicia, José Luis Rodríguez Díaz. Este seminario monográfico sobre a fiscalidade no fútbol, dirixido polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario César García Novoa e a profesora Soraya Rodríguez Losada, contempla a celebración de cinco mesas redondas, ademais dun relatorio de clausura a cargo do xefe dos Servizos Disciplinarios e de Integridade da División Legal da UEFA, Emilio García, que explicará o proxecto da Lei do Deporte Profesional. Entre as numerosas intervencións destacan a do administrador xudicial do Deportivo da Coruña, Julio Fernández Maestre, e a coordinadora concursal da Axencia Tributaria, Amparo López Senovilla, que falarán dos concursos, así como a do maxistrado do Tribunal Supremo Martinez Micó, relator de moitas sentenzas en materia fiscal referidas ao mundo do fútbol.
No claustro de relatores figuran ademais o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Alcalá e directivo do Real Madrid, Otero Lastres; o asesor xurídico da Asociación de Futbolistas de España (AFE), Santiago Nebot; o catedrático de Dereito Tributario da Universidade de Huelva e membro do Consello de Administración do Betis, Antonio José Sánchez Pino; o avogado e asesor da Federación Galega de Fútbol, Ulises Bértolo; o membro do Consello de Administración do Celta de Vigo, Primitivo Ferro Rivadulla; e o asesor xurídico do Deportivo da Coruña, Germán Rodríguez Conchado.