Skip to main content

Unha tese de doutoramento analiza a eficacia do esterco de polo deshidratado e granulado nos cultivos hortícolas

Francisco Antonio Cabaleiro, na defensa da súa tese de doutoramento do Ibader
Francisco Antonio Cabaleiro, na defensa da súa tese de doutoramento do Ibader
O enxeñeiro agrónomo Francisco Antonio Cabaleiro centra a súa investigación na caracterización e na avaliación do abono comercial BIOF-1, producido en Portomarín

O enxeñeiro agrónomo egresado da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Francisco Antonio Cabaleiro Núñez defendeu este luns no salón de actos do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) a tese de doutoramento, un traballo de investigación dirixido polas profesoras da Universidade de Santiago Elvira López Mosquera e María Jesús Sainz Oses e que se desenvolve baixo o título ‘Valorización agronómica do esterco de polo deshidratado en granulado en cultivos hortícolas’.

A tese de doutoramento de Francisco Antonio Cabaleiro céntrase na caracterización e na avaliación da eficacia do abono BIOF-1, producido e comercializado pola empresa Aviporto SL, unha firma radicada no concello de Portomarín e pioneira en Galicia na fabricación deste tipo de fertilizante. Esta pequena planta de granulación e deshidratación de esterco de polo dunha explotación avícola comezou a súa andaina en Portomarín no ano 2000 e naceu coa dobre pretensión de converter o esterco fresco nun abono comercial e para evitar os problemas de impacto ambiental que producía o seu almacenamento a carón das instalacións da propia granxa de polos. A análise das propiedades e os beneficios do esterco de polo, un recurso habitualmente empregado como abono de todo tipo de cultivos dada a súa riqueza en materia orgánica e nutrientes, xa ten sido obxecto de numerosas investigacións, o que contrasta coa práctica inexistencia de estudos agronómicos sobre estercos deshidratados, un eido no que se centra a tese deste enxeñeiro agrónomo. A temática da tese de doutoramento deste enxeñeiro agrónomo egresado da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo é se cabe de maior interese se se ten en conta que España é un dos principais países produtores de polo de engorde en Europa, no que as explotacións acostuman ser de carácter intensivo e xeran grandes cantidades de esterco. A excesiva acumulación nas explotacións avícolas desta materia orgánica, que principalmente se emprega de xeito estacional como fertilizante no campo, da pé en non poucas ocasións a problemas de carácter ambiental. Liñas de estudo O traballo desenvolvido por Cabaleiro Núñez abrangue asemade varias liñas de estudo sobre o abono comercial BIOF-1, o primeiro esterco de polo deshidratado e en grao producido en Galicia e distribuído desde Portomarín. A caracterización deste abono de polo con respecto ao esterco fresco de orixe durante un ano e a avaliación da eficacia do BIOF-1, así como a determinación das doses máis axeitadas, fronte a outros abonos convencionais para a produción de leituga en invernadoiro en dúas épocas concretas: outono-inverno e primavera. O estudo do efecto fertilizante residual do BIOF-1 no cultivo de leituga e a avaliación de modificacións do solo (aumento de sal e incremento de metais) e nas plantas (acumulación de nitratos), constitúen outros dos estudos incluídos nesta tese de doutoramento, na que o propio Francisco Antonio Cabaleiro presenta un estudo económico relativo á produción do esterco de polo deshidratado e en grao. Outra das liñas de investigación da tese de doutoramento ‘Valorización agronómica do esterco de polo deshidratado e granulado en cultivos hortícolas’ atinxe ao estudo dos efectos da aplicación do BIOF-1 na produción e na calidade do pemento tipo Lamuyo en comparación co aboado mineral de liberación lenta, determinado sempre a dose máis axeitada. Composición do tribunal O catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, Felipe Macías Vázquez, preside o tribunal encargado de xulgar avaliar a tese de doutoramento de Francisco Antonio Cabaleiro Núñez, un xulgado do que tamén forman parte a profesora da USC Socorro Seoane, en calidade de secretaria; Jorge Domínguez, da Universidade de Vigo, Mario Cuña, da Universidade de Porto, e Teresa Taboada, da Universidade da Coruña.

The contents of this page were updated on 07.22.2013.