Skip to main content

Un curso de verán da USC aborda en xullo a fiscalidade e o réxime xurídico do fútbol

Un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela abordará os vindeiros días 18 e 19 de xullo, no salón de actos da Facultade de Dereito, diversas cuestións ligadas coa fiscalidade do fútbol e con outras cuestións máis xenéricas que afectan ao réxime laboral e mercantil dos xogadores profesionais. Á inauguración asistirá o delegado especial da Axencia Estatal para a Administración Tributaria en Galicia, José Luis Rodríguez Díaz. Este seminario monográfico sobre a fiscalidade no fútbol, dirixido polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario César García Novoa e a profesora Soraya Rodríguez Losada, está estruturado en 15 horas lectivas e contempla a celebración de catro mesas redondas, ademais dun relatorio de clausura a cargo do Secretario de Estado do Deporte, Miguel Cardenal Carro, que falará do futuro do réxime xurídico do fútbol en España. Entre as numerosas intervencións destacan a do administrador xudicial do Deportivo da Coruña, Julio Fernández Maestre, e a coordinadora concursal da Axencia Tributaria, Amparo López Senovilla, que falarán dos concursos, así como a do maxistrado do Tribunal Supremo Martinez Micó, relator de moitas sentenzas en materia fiscal referidas ao mundo do fútbol, e a do coruñés Emilio García Silvero, xefe dos Servizos Disciplinarios da División Legal da UEFA. No claustro de relatores figuran ademais o catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Alcalá e directivo do Real Madrid, Otero Lastres; o asesor xurídico da Asociación de Futbolistas de España (AFE), Santiago Nebot; o catedrático de Dereito Tributario da Universidade de Huelva e membro do Consello de Administración do Betis, Antonio José Sánchez Pino; o avogado e asesor da Federación Galega de Fútbol, Ulises Bértolo; o membro do Consello de Administración do Celta de Vigo, Primitivo Ferro Rivadulla; e o asesor xurídico do Deportivo da Coruña, Germán Rodríguez Conchado.

The contents of this page were updated on 07.03.2013.