Gatze Lettinga, primeiro doutor honoris causa de enxeñaría química da USC
A Universidade de Santiago de Compostela investiu este martes doutor honoris causa a Gatze Lettinga (Dongjum, Países Baixos. 1936) nunha cerimonia presidida polo reitor Juan Casares Long e na que actuou como padriño o catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago, Juan Lema Rodicio. O profesor Lettinga entra así a formar parte do claustro de doutores honoris causa da institución compostelá da man do Departamento de Enxeñería Química, que recentemente celebrou o seu 60 aniversario, e faino como o primeiro honoris desta disciplina científica na USC. Graduado e Doutor en Enxeñería Química pola Universidade de Delft, foi durante 30 anos profesor da Universidade Agrónoma de Wageningen –no que realizaron estadías numerosos docentes e investigadores da USC– e constitúe unha referencia mundial no eido do tratamento e recuperación das augas residuais, domésticas e industriais. Entre outros, Gatze Lettinga recibiu en 2007 o Premio Tyler, un dos maiores recoñecementos internacionais no eido do medio ambiente. Sistema punteiro sen patente O novo honoris causa da USC é o artífice do UASB (Up flow anaerobic sludge bed reactor), un reactor anaerobio de leito granular e fluxo ascendente que, pasados os anos logo da súa invención nos 70, se convertería nunha alternativa aos tradicionais sistemas aerobios no eido das augas residuais, tanto domésticas como industriais. Lettinga non patentou este sistema para que os seus beneficios fosen maiores nos países en vías de desenvolvemento e por razóns de aforro enerxético e ambientais, e tanto é así que hoxe dos máis de 3.000 sistemas anaerobios instalados o 80% incorpora a tecnoloxía UASB. En opinión do reitor, a decisión de Lettinga “hónrao, e especialmente cando a misión da Universidade como servizo público está a sufrir unha permanente presión para supeditar a súa acción como vehículo de progreso social á rendibilidade económica en todos os seus eidos de actuación”. Tamén destacaba este punto o profesor Lema na súa laudatio, que destacaba o “inxente” traballo de Lettinga en favor do desenvolvemento e implantación de tecnoloxía de baixo custo e baixo consumo de enerxía en numerosos países. A este respecto, mencionou proxectos de cooperación en América Latina, Asia e África nos que centos de científicos e enxeñeiros foron adestrados “e un número impresionante de instalacións construídas”. Estreita colaboración coa USC
O apoio do Departamento do profesor Lettinga foi básico nas primeiras fases do grupo de Enxeñería Ambiental e Bioprocesos da USC, e o contacto entre os dous departamentos mantense por máis de 25 anos, destacando a colaboración en catro proxectos europeos e diversos de carácter nacional. Actualmente o departamento de Enxeñería Ambiental da Universidade de Wageningen forma parte do proxecto Novedar–Consolider liderado pola USC.
O acto celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite