Skip to main content

Un grupo de 24 estudantes da University of Michigan remata a súa estadía na USC onde cursou lingua e cultura española

Un grupo de 24 estudantes da University of Michigan remata a súa estadía na USC onde cursou lingua e cultura española
Un grupo de 24 estudantes da University of Michigan remata a súa estadía na USC onde cursou lingua e cultura española

Un grupo de 24 estudantes da University of Michigan acaban de rematar unha estadía na USC onde, dende o pasado 10 de maio, asistiron a un curso de lingua e cultura española. No acto de despedida celebrado este xoves en presenza do vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, a coordinadora do grupo, Cristina Moreiras, antiga alumna da USC e agora catedrática de literatura desa universidade americana, salientou nas súas palabras o gran valor engadido da experiencia pola atención recibida, a profesionalidade na xestión do programa, a amabilidade do persoal, a calidade de vida da cidade e o alto nivel do curso, organizado por Cursos Internacionais da USC. Durante a súa estadía, e como parte do programa, os/as estudantes americanos/as recibiron clases específicas sobre a historia e a cultura do Camiño de Santiago e mesmo puideron percorrelo dende Pedrafita, nunha semana de aula itinerante que combinou a docencia impartida pola profesora de Historia da Arte Paula Pita coa peregrinación. Outras saídas programadas levaron aos estudantes a Ourense, Celanova, Allariz, Pontevedra, Baiona, San Andrés de Teixido ou a Mariña lucense. En Santiago visitaron as cubertas da catedral, o patrimonio histórico da universidade, realizaron percorridos literarios e gastronómicos da man de especialistas e tamén o lecer nocturno compostelá. As clases de cultura e literatura detivéronse no ensino de obras de autores galegos como Rosalía de Castro, Castelao ou Roberto Vidal Bolaño, e tamén de artes visuais galegas, en especial o cine. Os estudantes de Michigan salientaron na súa despedida o seu interese polos autores galegos, a sorpresa de descubrilos e outros moitos aspectos da cultura de Galicia que puideron coñecer na súa estadía e que se reflicten no blog que crearon: http://compostela2013.wordpress.com/. Pola súa banda, as profesoras encargadas do grupo subliñaron o bo nivel do grupo, a súa curiosidade “e as ganas de absorber todo o que se lles daba”. Esta proposta de Cursos Internacionais por programas vinculados á cultura galega e ao Camiño de Santiago está a obter boa acollida entre universidades estranxeiras. A University of Michigan xa ten manifestado a súa intención de volver a repetir a experiencia.

The contents of this page were updated on 06.21.2013.