Skip to main content

Álvaro Cunqueiro pecha este martes en Santiago as xornadas sobre viño e cultura galega

As Xornadas sobre Viño e Cultura Galega que coordina o profesor da USC Xavier Castro coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia chegan ao seu fin este martes 25 nunha sesión dedicada a evocar algúns aspectos relevantes da traxectoria vital e a obra de Álvaro Cunqueiro, escritor cunha peculiar sensibilidade en relación cos viños e a gastronomía de Galicia. Será ás 20.00 horas na Cafetaría do CGAC cando, á vez que se proban caldos de adegas galegas, o profesor Castro dará conta das claves esenciais da súa obra literaria en relación coa cultura popular do viño en Galicia. Na sesión probaranse os caldos da Adega Pazo de Valdeconde, que dirixe en Mourazos (Verin. D.O. Monterrei) Amadeo Salgado: o branco Souto do Rei, que mestura Godello, Trexadura e Dona Branca, e un tinto que beneficia o celme das uvas Mencía, Tempranillo e Bastardo. A xornada rematará coa intervención do decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan M. Monterroso, e do director do Departamento de Historia Contemporánea e América da USC, Lourenzo Fernández Prieto.

The contents of this page were updated on 06.25.2013.