Skip to main content

A segunda edición de IWODA reúne en Santiago expertos internacionais en análise do discurso

IWODA'13 desenvólvese ata este venres en Filoloxía (Foto: SERVIMAV)
IWODA'13 desenvólvese ata este venres en Filoloxía (Foto: SERVIMAV)

O segundo ‘Santiago de Compostela International Workshop on Discourse Analysis’ (IWODA'13) celébrase na Facultade de Filoloxía, onde as actividades deste taller internacional de análise do discurso xa botou a andar coa celebración de diversas sesións pre-congreso. A inauguración oficial do encontro tivo lugar este xoves no Salón de Graos da Facultade presidida polo vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, e coa presenza da decana do centro, María José López Couso; a directora do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Cristina Mourón Figueroa; o coordinador do grupo de investigación da USC 'Discurso e Identidad' (D&I), José Manuel Barbeito Varela; e María de los Ángeles Gómez González, membro do comité organizador e coordinadora do equipo de lingüistas integrado en D&I, 'SCIMITAR'. Ademais de D&I, colaboran na organización de IWODA’13 tres grupos de investigación da Universidade da Coruña: ‘Amergin’, ‘Clin’ e ‘Muste’. O simposio axudará á posta en común de técnicas, metodoloxías e ferramentas diversas para analizar o discurso dende distintas perspectivas (lingüística, literaria, crítica, fílmica, cognitiva, psicolingüística, psicolóxica, sociolóxica ou semiótica, entre outras), fundamentalmente en lingua inglesa. Nesta segunda edición, IWoDA dá un paso máis no seu obxectivo de converterse nun referente internacional no ámbito dos estudos discursivos interdisciplinares ao reunir tanto a expertos/as nacionais e internacionais como a investigadoras e investigadores noveis de distintas universidades e centros de investigación, o que permitirá profundar as sinerxías entre os grupos de investigación e institucións representados no encontro. A os/as máis de cen asistentes, únense prestixiosos/as académicos/as de renome internacional en calidade de relatores/as invitados/as, tales como Anne Fogarty, Catherine Emmott, Dawn Archer, Geoffrey Leech, Geoffrey Pullum, Martin Hilpert, Saran Knight e Stephen Regan, ademais de máis de corenta especialistas de todo o mundo procedentes da lingüística, a filoloxía, a psicoloxía ou a socioloxía, como integrantes do comité científico. Entre eles/as, atópanse figuras da talla de Alexandra Georgakopoulou, Angela Downing, David Kaufer, Douglas Biber, Gunther Kress, Ian Parker, Michael Bamberg, Michael Toolan, Ruth Wodack, Jan Renkema, Lachlan Mackenzie ou Mike Hannay, entre outros/as, os dous últimos presentes nesta edición.

As persoas interesadas poden atopar toda a información relativa a IWoDA’13 na web do congreso.

The contents of this page were updated on 06.20.2013.