Skip to main content

Un simposio abordará os días 23 e 24 na Casa do Saber a relación entre compost, agroecoloxía e cambio climático

O prazo de inscrición neste seminario, incluído na Universidade de Verán da USC 2013, remata o vindeiro día 12 de xullo

A Universidade de Santiago de Compostela abordará os vindeiros días 23 e 24 de xullo, na Casa do Saber da Vicerreitoría de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, no marco do III Simposio de Compostaxe, unha actividade formativa e de carácter divulgativo incluída na programación da Universidade de Verán 2013, as relacións entre compost, agroecoloxía e cambio climático, unha temática sobre a que disertarán diversos relatores, entre os que se atopan profesores universitarios e profesionais do sector privado.

Esta acción formativa pretende a promoción do uso do compost de materia orgánica como método de xestión de residuos agrarios e orgánicos e da agricultura ecolóxica para reducir deste xeito os efectos do cambio climático, segundo sinala o profesor da USC e director do programa. Xan Neira Seijo salienta asemade que a análise e o coñecemento dos beneficios do compost e das prácticas agroecolóxicas cara un maior desenvolvemento rural, é outro dos cometidos deste curso.

O mestre compostador e consultor en tratamentos biolóxicos de residuos Ramón Plana González-Sierra explicará no relatorio de apertura deste seminario algúns aspectos xerais do proceso de compost de residuos orgánicos, ao tempo que informará sobre a diversa funcionalidade deste recurso. O manexo ecolóxico dos solos e o cambio climático é o título do relatorio que ofrecerá neste seminario estival o catedrático de Edafoloxía da Universidade de Santiago, Francisco Díaz-Fierros, na xornada inaugural, durante a que tamén se proxectará unha produción audiovisual sobre compost, para logo, xa en quenda de tarde, realizar unha visita pola Reserva da Biosfera Terras do Miño. A mitigación/adaptación ao cambio climático e a ecoloxía da PAC será o eixo temático do primeiro relatorio da xornada de clausura deste curso, na que o profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Xoán Neira Seijo tamén aportará a súa visión sobre se a biomasa forestal natural e os residuos gandeiros son unha solución ou un problema. O curso ‘Compost, agroecoloxía e cambio climático’, dirixido por Xan Neira Seijo e Anna Cervera Iglesias, concluirá o 24 de xullo con dous relatorios sobre o compoñente verde e as medidas de regulación climática na PAC e sobre o Partenariado Europeo de Innovación (EPI) Produtividade e sustentabilidade agraria. Asemade, xa en quenda de tarde, o programa do III Simposio de Compostaxe inclúe a celebración dun taller de produción agroecolóxica e compost no complexo ecoagroturismo Arqueixal, no concello de Palas de Rei. As persoas interesadas en participar neste curso de verán, que conta con financiamento da Deputación de Lugo, Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), Sociedade Galega de Agroecoloxía (Soga) e do Centro de Estudos Rurais e de Agricultura Internacional (Cerai), poden formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 12 de xullo nas secretarías xerais da Universidade de verán da USC ou na páxina web http://www.usc.es/cultura/uveran13cursos.htm. Asemade, os/as interesadas en participar en todas as actividades previstas no III Simposio de Compostaxe, poden inscribirse na páxina web http://www.agroecología.net.

The contents of this page were updated on 07.02.2013.