Skip to main content

A conservación do oso pardo na Serra do Courel, a análise do 4 ao 6 de setembro no marco dun seminario estival da USC

Cartaz do seminario sobre grandes carnívoros
Cartaz do seminario sobre grandes carnívoros
A inscrición neste programa, dirixido por Antonio Rigueiro e Fernando Ballesteros, permanece aberta ata o 29 de xullo no enderezo electrónico margarita.vilela@usc.es
Lugo

‘A conservación de grandes carnívoros en áreas de expansión: O caso do oso pardo na Serra do Courel' é o título do seminario estival organizado pola USC en colaboración coa Fundación Oso Pardo que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro na Estación Científica do Courel.

O prazo de inscrición nesta actividade formativa e de divulgación promovida ao abeiro do Life Oso Courel permanece aberto ata o 29 de xullo. As persoas interesadas poden formalizar xa a súa matrícula a través do enderezo de correo electrónico margarita.vilela [at] usc.es (margarita[dot]vilela[at]usc[dot]es) ou ben no número de teléfono 982 821 517.

O seminario ‘A conservación de grandes carnívoros en áreas de expansión: O caso do oso pardo na Serra do Courel’ constitúe un programa de carácter eminentemente práctico e cun enfoque multidisciplinar, no marco do que diversos relatores afondarán sobre cuestión ligadas coa recuperación e a conservación das poboacións de grandes carnívoros cando chegan a zonas de expansión nas que estiveron ausentes desde moitos anos antes.

A análise da casuística particular da expansión experimentada nos últimos anos da oso pardo cantábrico cara a Serra do Courel, como consecuencia do crecemento continuado da súa poboación, e os retos de conservación derivados da súa presenza, así como as diversas técnicas e actuacións xa postas en marcha son algún dos temas a tratar no marco deste foro.

Este programa, cuxos organizadores contan co apoio económico da Deputación Provincial de Lugo, está dirixido a habitantes das serras orientais de Lugo e de Galicia, así como a profesores e estudantes dos diversos niveis educativos e tamén a todos os profesionais implicados en tarefas de conservación da natureza, técnicas de empresas e administración e, en definitiva, a todas as persoas preocupadas pola conservación do medio natural.

O importe da matrícula é de 70 euros, aínda que esta taxa quedará reducida a 40 para estudantes, membros da comunidade universitaria da USC, pensionistas e desempregados. A Fundación Oso Pardo subvencionará asemade o importe total da matrícula para os habitantes dos concellos de Folgoso do Courel, Quiroga, Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos e O Incio.

O director da Estación Científica do Courel, Antonio Rigueiro, e o seu homólogo da Fundación Oso Pardo, Fernando Ballesteros, abrirán o 4 de setembro, a partir das 9.00 horas, este programa, que centrará os primeiros relatorios na convivencia entre osos e humanos e nos conflitos asociados coa presenza de grandes carnívoros. Os ambientes ecolóxicos da Serra do Courel e os seus recursos tróficos e aspectos bioxeográficos completan a temática da primeira xornada do curso, que rematará cunha visita guiada pola Serra do Courel.

A procura de indicios de oso e o coñecemento das técnicas de seguimento e do hábitat deste gran carnívoro centrarán as sesións matinais programadas para o 5 de setembro, unha xornada na que tamén se desenvolverán obradoiros de natureza cultura en colaboración coa Fundación Uxío Novoneyra e sesión sobre custodia do territorio e de conservación do oso pardo.

Os temas a tratar na xornada de clausura deste seminario abranguen desde a análise dos retos que depara a expansión do oso pardo, do cometido das administración e do efecto dinamizador que produce en espazos rurais a recuperación e a presenza tanto do oso pardo como doutras especies, tales como o é o lince ibérico.

The contents of this page were updated on 03.18.2021.