Skip to main content

Comeza en Xeografía e Historia a sétima edición do simposio Opus Monasticorum

A sétima edición do simposio Opus Monasticorum revisará o concepto de territorio cultural máis alá da súa concepción como territorio asociado única e exclusivamente a un espazo xeográfico determinado e definido por unha comunidade máis ou menos ampla de individuos cuns sinais de identidade claramente precisados. O encontro explora a concepción de territorio asociado aos feitos históricos, “os espazos construídos pola arquitectura ou as imaxes elaboradas polos diferentes momentos culturais e ideolóxicos”, explican os promotores da xornada. Esta edición de Opus Monasticorum desenvolverase baixo o lema ‘Territorios culturais. Espazos, feitos e imaxes para a memoria’ para propoñer unha reflexión sobre as formas en que se deben definir estes territorios. Así, “serán os obxectos, os feitos, en definitiva, a memoria asociada coa historia os que permitan definir un mapa cultural que, con posterioridade, poderá fixarse nun territorio, entendido como categoría xeográfica ou física. O encontro celebrarase na Facultade de Xeografía e Historia a partir do luns 16 e ata o próximo mércores 18. O programa comezará o luns ás 10.30 horas coa conferencia de José M. García Iglesias sobre a pegada do espazo no patrimonio cultural, avaliando particularmente o caso galego. O profesor da USC José M. Andrade Cernadas revisará deseguido o caso dos ‘Mosteiros, administración de xustiza e os seus espazos na Galicia dos séculos IX e XI’. Para completar a sesión matinal, Ramón Yzquierdo, da Universidade da Coruña, avaliará o caso de San Xoán de Portomarín dende o punto de vista da súa singularidade no Camiño de Santiago, mentres que Patricia Cupeiro, da USC, presentará o relatorio ‘Arquitectura asistencial, patrimonio e turismo cultural’. A partir das 16.30 horas comezará a sesión da tarde cun relatorio sobre ‘A cruz ao caídos coma desafío ao tempo e ao esquecemento’, da man de Begoña Fernández, da USC, e continuará con Pilar Coto que falará sobre ‘Territorio, patrimonio e espazo urbano. Lugares de historia, cultura e memoria’. Para completar o programa deste primeiro día, investigadoras do grupo Iacobus da USC referiranse á importancia do Pórtico da Gloria na historiografía galega do século XIX e á relación entre fortalezas, territorio e turismo. As persoas interesadas poden atopar máis información na web de Opus Monasticorum.

The contents of this page were updated on 12.13.2013.