Skip to main content

O investigador compostelán Ricardo Pichel aborda a edición e estudo histórico-filolóxico da Historia Troiana

Ricardo Pichel obtivo coa súa tese a máxima cualificación de sobresaliente cum laude
Ricardo Pichel obtivo coa súa tese a máxima cualificación de sobresaliente cum laude
Trátase dun texto que resulta fundamental para o coñecemento do ciclo clásico (a materia de Troia), na Galiza medieval

O investigador compostelán Ricardo Pichel Gotérrez aborda na súa tese de doutoramento, dende un punto de vista histórico-filolóxico, a edición e estudo da Historia Troiana, unha interesante mostra do impacto da literatura post-homérica nas letras europeas baixomedievias que, xunto coa Crónica Troiana, é fundamental para o coñecemento do ciclo clásico (a materia de Troia), na Galiza medieval. Trátase dun manuscrito facticio da segunda metade do século XIV, composto orixinariamente en castelán e completado pouco despois en galego, custodiado na Biblioteca Menéndez Pelayo de Santander. Para alén de ofrecer unha rigorosa edición do texto, a tese conxuga os distintos indicios internos (codicolóxicos, paleográficos, lingüísticos, estilísticos) coas evidencias fornecidas pola historia externa do manuscrito (padroado, intencionalidade, fortuna, procedencia, ...), o que permitiu acoutar a Historia Troiana nun tempo e nun espazo xeográfico e cultural concretos para cada un dos estadios redaccionais da obra: o proxecto rexio orixinario do Pedro I de Castela (Sevilla, ca. 1367-1369) e a súa recuperación e transformación en galego no círculo nobiliario dos Andrade (rexión noroccidental de Galiza, ca. 1369-1373).

O traballo, que dirixiron os profesores do Departamento de Filoloxía Galega e investigadores do Instituto da Lingua Galega Xavier Varela Barreiro e Ramón Mariño Paz, acadou a máxima cualificación, sobresaliente cum laude. O tribunal estivo composto por Pedro Sánchez-Prieto Borja (Universidade de Alcalá), Inés Fernández Ordóñez (Universidade Autónoma e Real Academia Española), José Carlos Ribeiro Miranda (Universidade do Porto), Juan Casas Rigall (Universidade de Santiago de Compostela) e José António Souto Cabo (Universidade de Santiago de Compostela).

The contents of this page were updated on 12.27.2013.