Skip to main content

Na busca de fórmulas matemáticas para innovar

Industria e ciencia reuníronse no IX Foro de Interacción Matemática Industria

Os grupos de investigación en matemática aplicada, estatística e investigación operativa das tres universidades galegas participaron estes días en Vigo no IX Foro de Interacción Matemática Industria. Estes grupos están consolidando o seu labor de transferencia de tecnoloxía matemática á industria e ao sector produtivo a través do recentemente creado Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), que preside o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago, Francisco González. Na xornada, a directora de ITMATI e presidenta da Rede Math-in, a profesora da USC Peregrina Quintela, destacou as características destas dúas novas estruturas de transferencia, cuxa finalidade é achegar a tecnoloxía matemática máis avanzada á industria para contribuír de forma decisiva a xerar valor engadido en múltiples sectores de actividade económica. Na súa presentación fixo fincapé na nova convocatoria de investigadores adscritos a ITMATI que se abre en xuño e na que poderá participar persoal investigador das tres universidades galegas. A continuación, as empresas convidadas aproveitaron para formular problemas que xorden no seu ámbito e que son susceptibles de ser tratados mediante métodos matemáticos, numéricos, estatísticos ou de investigación operativa como o desenvolvemento de equipos de telecomunicacións, simulación nos procesos de corte de materiais ou a optimización para o posicionamento xeoestratéxico na cadea de subministro enerxético. A este respecto, un responsable de Centum explicou como empregan os modelos matemáticos no desenvolvemento de equipos de telecomunicación embarcados en avións non tripulados orientados, por exemplo, á busca de superviventes. De Hergome SL abordaron as novas tendencias nos procesos de corte por arranque de material, puntualizando o importante papel que no mundo do mecanizado de compoñentes xogan as matemáticas para que sexan doadamente fabricables; un exemplo é a simulación dos procesos de mecanizado para o estudo do comportamento dos materiais no proceso de corte. O representante de Plasto Technologies Ibérica S.L. expuxo os piares clave para a perennizacion e creación de PEMES, poñendo énfase en que todas as ideas son “intrinsecamente boas”, que “o problema é o seu dimensionamento, que a innovación se planifica, que o punto de partida debe ser a necesidade do cliente e que á hora de internacionalizar hai que ir do máis preto ao máis lonxe”. A industria farmacéutica viuse representada por Lilly, que puxo de manifesto como as matemáticas e concretamente a estatística axuda a deseñar estudos na industria farmacéutica para testear medicamentos. Un dos retos actuais é modelar a progresión dunha enfermidade, sobre todo no caso das enfermidades neurodexenerativas. Responsables de Reganosa departiron sobre a cadea de subministro do GNL (Gas Natural Licuado), o seu posicionamento xeoestratéxico e o seu estudo no dimensionamento gasista para unha cobertura axeitada da demanda. Actualmente esta empresa está inmersa nun proxecto en colaboración co grupo de Enxeñaría Matemática da USC, un dos promotores de ITMATI, no que abordan a modelización matemática para reproducir e simular o comportamento físico de toda a rede de gas.

Para dar peche ao foro, José Ramón Rodríguez Vázquez, de Xestión Técnica Económica de Proxectos Industriais, tratou temas como a relación Empresa-Universidade-Administración e a súa consolidación en proxectos de I+D+i. Puxo especial fincapé no aproveitamento de recursos de financiamento público para proxectos de I+D+i, a promoción de novos sectores industriais e o apoio a novas estruturas de transferencia como plataformas tecnolóxicas de desenvolvemento, como pode ser ITMATI, foros de cooperación aberta entre grupos de investigación e demandas tecnolóxicas do mercado, e mesmo propuxo abrir estas novas fórmulas de colaboración a máis grupos de investigación e a outras especializacións. Destacou algúns dos proxectos nos que se encontra inmerso con grupos de investigación promotores de ITMATI como, por exemplo, a análise do comportamento acústico de elementos termoconformados para automoción.

The contents of this page were updated on 06.05.2013.