Skip to main content

A convocatoria de ESTALMAT-Galicia 2013 bate o seu récord de aspirantes con 354 candidaturas a talentos matemáticos

A convocatoria de ESTALMAT-Galicia 2013 bate o seu récord de aspirantes con 354 candidaturas a talentos matemáticos
A convocatoria de ESTALMAT-Galicia 2013 bate o seu récord de aspirantes con 354 candidaturas a talentos matemáticos
A proba de selección celébrase este sábado 8 na Facultade de Matemáticas

Un total de 354 estudantes de toda Galicia nacidos/as en 2000 e 2001 participan este sábado 8 de xuño nas probas de selección dos 25 estudantes da 7ª promoción do Proxecto ESTALMAT- Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas, que dirixe o catedrático de Matemática Aplicada da USC Juan Viaño. Os participantes, 207 rapaces e 147 rapazas, proceden na súa maioría das provincias da Coruña (216) e Pontevedra (109), seguidas das de Lugo (22) e Ourense (7), tanto do ensino público (255) como do privado (99). Con este número de inscritos o Proxecto ESTALMAT-Galicia consolida a súa andaina dende 2007 e sobrepasa a media dos 5 últimos anos. Cos desta edición, son xa preto de 2.000 os/as alumnos/as que con 12 ou 13 anos teñen pasado pola Facultade de Matemáticas nos últimos seis anos para facer a proba de selección. Deles, foron seleccionados/as 175 para participar no programa de talentos matemáticos. A proba, consistente na resolución de seis problemas de distinto tipo, celebrarase a partir das 9.45 horas na Facultade de Matemáticas. Ten unha duración de 2 dúas horas e 30 minutos. Ao final, arredor das 12.45 horas, os/as participantes reuniranse para unha foto de grupo nas escaleiras da Facultade de Matemáticas aberta a todos os medios de comunicación. Durante a primeira parte da proba, os familiares dos estudantes asistirán a unha sesión informativa sobre o proxecto Estalmat-Galicia, impartida polo presidente do proxecto, Juan Viaño. A proba deste sábado estará coordinada polos profesores Victor Pollán, Julio Rodríguez e Jesús Calvo coa axuda da secretaria administrativa do proxecto Ana Paz. A organización fai un chamamento á responsabilidade dos familiares dos/as participantes para facilitar os movementos nos accesos á Facultade, pois a masa total de xente que se reunirá ascenderá a preto de 1000 persoas. As probas corríxeas de forma anónima un equipo de doce profesores, con dúas correccións independentes para cada problema, mentres que a preselección a realiza o conxunto do comité. A lista alfabética dos 50 primeiros preseleccionados farase pública na páxina web do proxecto (www.estalmatgalicia.com) entre o 10 e o 15 de xuño. Os primeiros 25 rapaces preseleccionados e os seus pais/nais/titores serán convocados a unha entrevista persoal, pois deberán adquirir o compromiso de acudir ás actividades do Proxecto. As actividades de Estalmat terán lugar na Facultade de Matemáticas, en sesións de 3 horas, nas mañás dos sábados dos dous vindeiros cursos académicos (20 sesións cada ano), con posibilidade de continuar dous anos mais (6 sesións en cada un). O equipo docente que atenderá aos estudantes seleccionados está formado por 42 profesores de matemáticas do ensino medio e das universidades galegas. Con esta iniciativa, trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e, en definitiva, gozar desta ciencia ao tempo que se detecta e canaliza o talento matemático para mellor proveito da sociedade. ESTALMAT-Galicia O Proxecto ESTALMAT-Galicia para a detección e estímulo do talento en matemáticas no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia forma parte do Proxecto ESTALMAT-España, implantado en varias comunidades autónomas. Conta co aval científico e económico da Real Academia Española de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais; da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, do Consejo Superior de Investigacións Científicas (CSIC), da Fundación Vodafone España, das deputacións da Coruña e Lugo e do Concello de Guitiriz, ademais da infraestrutura e apoio xeral achegados pola Universidade de Santiago de Compostela, dun xeito especial pola Facultade de Matemáticas e o seu equipo decanal. O proxecto está conectado tamén coas actividades da Olimpíada Matemática (Fase Galega e Española) e as actividades de divulgación da Asociación Galega de Profesores e Ensinantes de Matemáticas (AGAPEMA). Para acadar mais información sobre o proxecto, as persoas interesadas poden dirixirse á web http://www.estalmatgalicia.com.

The contents of this page were updated on 06.07.2013.