A USC e Brainstorm colaboran na formación en escenografía virtual e grafismo
A empresa Brainstorm Multimedia cederá gratuitamente durante un ano 21 licencias de eStudio, o seu software profesional máis avanzado, para a formación e experimentación no ámbito da escenografía virtual e grafismo 3D no Laboratorio de Innovación e Aplicación Audiovisual da Facultade de Ciencias da Comunicación que coordina o profesor Enrique Castelló. A cesión formalizouse a través dun convenio de colaboración asinado este mércores en San Xerome polo reitor Juan Casares Long e o director de Márketing e Comunicación de Brainstorm Multimedia, Miguel Churruca. Esta cesión desinteresada dun software cuxo custe no mercado superaría o medio millón de euros consolida a xa dilatada colaboración de Brainstorm Multimedia coa Plataforma para a innovación e a experimentación en contidos dixitais da Universidade de Santiago de Compostela (CIDUS) orientada á investigación de excelencia en I+D+i, á transferencia tecnolóxica ao sector audiovisual e multimedia, así como á capacitación profesional en todas as fases do ciclo de vida de calquera tipo de contido dixital. Para a súa creación, CIDUS contou con importante financiamento do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, Red.es e CRUE, ao clasificarse na convocatoria pública competitiva ‘Profesionais Dixitais’ do Plan Avanza 2. Brainstorm Multimedia é unha transnacional española con vinte anos de experiencia en investigación e desenvolvemento de escenografía e grafismo virtuais 3D en tempo real que conta cunha importante carteira mundial de clientes entre os que destacan CNBC, BBC, Thomson Reuters, Aljazeera, TSR, NTV, Nasdaq, KBS, NBC, ESPN, RTL, DC2 Media Ltd., The Pentagon, NHK, RAI, TVE ou Canal 9. O compromiso desta empresa co ámbito académico viuse recentemente recoñecido co Premio Cooperación Universidade-Sociedade da Universidade Politècnica de Valencia na categoría de I+D.
O seu liderado internacional baséase nun software vangardista, veloz e flexible, que proporciona solucións en tempo real a calquera proxecto de grafismo e estudos virtuais en 3D, desde gráficos de cabeceiras ou xenéricos de titulación, ata complexos proxectos de estudos virtuais con realidade aumentada, respondendo ás múltiples esixencias gráficas e de difusión de procesos electorais, noticias, deportes ou concursos.