Comeza na USC o I Congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CMTI 2019)
O I Congreso sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019) comezou este luns na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago, organizado polo Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI). No acto de inauguración, presidido polo vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa, participo a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar; a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, e a responsable das entidades organizadoras, Peregrina Quintela, catedratica da USC, directora do ITMATI e presidenta de Math-In.
Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial é un organismo científico, participado polas tres universidades galegas e con sede no Campus Vida da USC. Este congreso, que ten previsto celebrarse cada dous anos, reúne durante estes días en Compostela a espertos da industria e a investigación, chegados de todo o mundo para analizar, neste foro común, “os avances mais significativos e casos de éxito na transferencia entre a investigación matemática e a industria”.
Os participantes no acto inaugural destacaron a transversalidade das matemáticas e a súa aplicación a practicamente todos os campos da vida e anunciouse a presentación, ao longo das sesión do congreso, dos resultados xa conseguidos en diversos sectores como automoción, biomedicina, enerxía e medio ambiente, loxística, Big Data ou intelixencia artificial, entre outros. Ata o mércores 24 desenvolveranse neste congreso máis de 25 ponencias e catro relatorios maxistrais de expertos de alto nivel, así como un evento de networking entre empresas e investigadores.
Os relatores e participantes proceden de diferentes países como Francia, Hungría, Italia, Luxemburgo, Noruega, Alemaña, Ucraína, Rusia, Estados Unidos, Casaquistán ou Alxeria; ademais de diversos puntos de Galicia e do resto do Estado. Entre eles figuran os destacados matemáticos Ignacio Grossmann, decano de Enxeñería Química da Carnegie Mellon University, experto en optimización de procesos industriais; Stefan Nickel, profesor del Instituto Tecnolóxico de Karlsruhe que modeliza a loxística de hospitais para mellorar a eficiencia e o trato dispensado ao paciente, ou Volker Mehrmann, profesor da Universidade Técnica de Berlín que traballa na modelización de freos industriais para aumentar a súa eficiencia.
Aparte das actividades a desenvolver durante estes día no campus Vida da USC, o CTMI 2019 tamén sairá ás rúas de Santiago; así o martes 23 de xullo, Antonio Pita, responsable Global de Consulting & Analytics en LUCA (unidade de servizos Big Data para clientes corporativos de Telefónica), dará a charla ‘Datos e matemáticas. Os propulsores das compañías data driven’, que tratará sobre o valor do dato para as empresas, considerado un activo estratéxico das compañías que están realizando a súa transformación dixital, e que terá lugar no ‘Auditorio Abanca’.