A Facultade de Ciencias acolle os días 13 e 14 unhas xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais
A Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais celebrará os días 13 e 14 de decembro, no salón de actos da Facultade de Ciencias do campus de Lugo, unhas xornadas dirixidas a técnicos de prevención en riscos laborais, así como a persoal da administración, médicos enfermeiros e demais persoas relacionadas co mundo da seguridade e a saúde no traballo, e coas que se conmemora o corenta aniversario da creación desta sociedade galega.
O decano da Facultade de Ciencias, José Manuel Martínez Ageitos, inaugurará o venres, a partir das 16.30 horas, este foro no marco dun acto no que tamén intervirán o presidente da Sociedade Española de Medicina e Seguridade no Traballo, Pedro González de Castro; o presidente da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, José Carlos Quintas, e a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga), Adela Quinzá Torroja, que logo abrirá a quenda intervencións deste foro cun relatorio sobre as actuacións do Issga no presente exercicio 2013. A táboa redonda ‘Estudo Delphi: Novos dispositivos electrónicos’, moderada por José Carlos Quintas, e na que intervirán como relatores Inmaculada del Brío, do gabinete de prevención de riscos laborais da Confederación Empresarial de Ourense; Pedro Gilo, da División de Prevención e Medio Ambiente de SGS Tecnos, e Santiago Díaz de Freijo, coordinador de Votorantim España, pechará o programa da primeira xornada deste foro, trala que terá lugar a asamblea xeral da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais. O relatorio ‘Harmonización no transporte, clasificación, etiquetado e envasado de substancias e mesturas químicas’, a cargo do profesor de Enxeñaría Naval e Oceánica da Universidade da Coruña, abrirá o sábado, a partir das 9.30 horas, a segunda xornada deste foro. O programa continuará logo dun descanso cunha táboa redonda centrada nos novos requisitos lexislativos e de aplicación esixidos polas administracións para os plans de evacuación, na que participarán tres relatores. As XX Xornadas da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais chegarán ao seu remate coa presentación dun panel conmemorativo do 40 aniversario da creación desta entidade, unha breve exposición na que farán uso da palabra as persoas que ocuparon a presidencia da sociedade, e o propio acto de clausura, no que estará presente o director xeral da Relacións Laborais da Xunta de Galicia.