Últimos días para matricularse nos cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación
O vindeiro mércores 4 de decembro remata o prazo de matrícula para os cursos de redacción e deseño de traballos académicos e de investigación que organiza o Servizo de Normalización Lingüística. Son cursos dirixidos ao estudantado da USC que desexe mellorar os seus coñecementos para elaboraren traballos académicos e de investigación con calidade formal. Os cursos teñen recoñecido 1 crédito de libre configuración para alumnado de todas as titulacións ou 1 crédito ECTS para o de grao. A súa duración é de 30 horas, das cales 22 son presenciais e 8 de traballo individual. O programa docente comezará o 9 de decembro e as clases impartiranse de luns a xoves entre esa data e o 19 dese mesmo mes. Posteriormente haberá tres sesións de avaliación os días 14, 15 e 16 de xaneiro. Os cursos desenvolveranse tanto en Santiago como en Lugo. No campus lugués, as clases celebraranse en horario de 19.00 a 21.00 horas na Aula 2 de Informática da Facultade de Administración e Dirección de Empresas. En Compostela, establécense dous horarios, de 9.00 a 11.00 horas, na Aula 13 da Facultade de Filoloxía (coa excepción dos días 9, 10, 16 e 17, nos que as clases serán en horario de 11.00 a 13.00 horas) e de 19.00 a 21.00 horas na Aula 2 de Informática da Facultade de Matemáticas.
A matrícula formalízase a través de Internet na web do Servizo de Normalización Lingüística, na que tamén é posible ampliar información.