Skip to main content

Picaversos ingleses no Paraninfo

Media ducia de poetas participan nunha sesión especial do ciclo centrado esta vez na poesía anglófona

Picaversos, o único ciclo regular de lecturas poéticas que se celebra en Compostela, chega este martes 10 ao Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia) para celebrar unha sesión especial centrada na poesía anglófona. Será ás 21.00 horas con entrada libre. Participarán media ducia de poetas que pasaron polo ciclo ao longo dos seus dous anos e medio de vida e que este martes recitarán textos das súas autoras e autores anglófonos favoritos traducidos ao galego e máis na súa versión orixinal. Trátase de Mariña P. Rei, Alexandra Lores, Gonzalo Hermo, Antía Otero, Ismael Ramos, Luís Valle, Alfonso Barata e Mark Wiersma. Coa celebración desta sesión, na que colabora a Universidade de Santiago de Compostela, Picaversos quere abrirse á poesía escrita noutras linguas. Xa en febreiro haberá unha sesión dedicada á poesía escrita en francés na Igrexa da Universidade e outra lusófona en abril na Casa de Europa.

The contents of this page were updated on 12.09.2013.