Skip to main content

Máis de 1.600 planos e debuxos de arquitectura e urbanismo da Galicia do XVIII, recompilados en un volume

Máis de 1.600 planos e debuxos de arquitectura e urbanismo da Galicia do XVIII, recompilados en un volume
Máis de 1.600 planos e debuxos de arquitectura e urbanismo da Galicia do XVIII, recompilados en un volume
O catedrático da USC Alfredo Vigo Trasancos dirixe a publicación

Máis de 1.600 documentos aparecen compilados no libro Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800) que dirixe o catedrático de Historia da Arte da USC Alfredo Vigo Trasancos e coordinan os profesores Jesús A. Sánchez García e Miguel Taín Guzmán. O volume preséntase este mércores ás 20.00 horas no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol nun acto no que participan o profesor Trasancos; o director da Fundación Barrié que o edita, Javier López Martínez; e o delegado de Cultura e Universidade do Concello de Ferrol, Manuel Reyes García Hurtado. A publicación pon de manifesto a gran importancia que tivo Galicia nun tempo dominado no estilístico polo Barroco e o Clasicismo así como o papel decisivo que cobrou no militar debido á política defensiva que levou a cabo a Monarquía. Para Vigo Trasancos este período histórico debe considerarse como una especie de “Idade de Ouro” galega dado que foi nesa época cando se realizaron obras como a fachada do Obradoiro da catedral compostelá, de Fernando de Casas, ou o gran Arsenal de Ferrol, obra clave dun equipo de enxeñeiros militares vinculados ao Estado. Destaca tamén o profesor outras obras “non menos importantes” como o Seminario de Confesores de Santiago debida ao mecenado do arcebispo Bartolomé Rajoy, o novo edificio da Universidade ou a fachada principal da catedral de Lugo que foi proxectada polo enxeñeiro e arquitecto académico Julián Sánchez Bort. No que respecta ao contido deste proxecto editorial, un primeiro volume de máis de 1.000 páxinas incorpora toda a planimetría en cor precedida dun prólogo realizado polo profesor e director da Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid, Antonio Bonet Correa. Nun segundo volume os planos, reproducidos en branco e negro e a menor tamaño, aparecen acompañados das correspondentes lendas manuscritas e datos básicos de referencia, ademais dunha serie de estudos introdutorios realizados polo equipo de investigación. Incorpórase tamén unha tarxeta USB cunha base de datos con toda a información e dez reproducións de planos a cor e tamaño A2. En orixe este foi un proxecto de investigación concedido aos autores polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía e a Xunta de Galicia e que foi posible realizar grazas ao labor dun experto equipo de investigación formado por Irene Calvo Mosquera, Irene Mera Álvarez, Francisco Javier Novo Sánchez, Marta García Filgueira, Carlos Pena Buján, José Manuel Yáñez Rodríguez e Jorge Gómez Iparraguirre.

The contents of this page were updated on 03.28.2012.