Skip to main content

Un dos cursos de verán da USC afonda no valor da paisaxe como elemento inspirador nas ciencias, a arte e a literatura

Un dos cursos de verán da USC afonda no valor da paisaxe como elemento inspirador nas ciencias, a arte e a literatura
Un dos cursos de verán da USC afonda no valor da paisaxe como elemento inspirador nas ciencias, a arte e a literatura
A localidade luguesa de Guitiriz será a sede desta actividade formativa, que inclúe varias proxeccións audiovisuais e un percorrido por lugares senlleiros do municipio

A USC organiza en Guitiriz un dos seus cursos de verán, centrado nesta ocasión no recurso á paisaxe como base para o traballo científico, artístico e literario. A cita será na Casa Habanera desta vila lucense durante os días 18 e 20 de xullo. Os responsables da actividade son os profesores da Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo Roxelio Pérez Moreira (director) e Francisco Javier López González (secretario). As paisaxes xeolóxicas centrarán o primeiro dos relatorios do curso, a cargo do catedrático de Xeoloxía da Universidade de A Coruña Juan Ramón Vidal Romaní; a súa intervención complétase coa de Manuel Andrade Valinho, profesor de Astronomía e Xeodesia da USC, quen falará sobre as paisaxes celestes. Francisco Javier López González, secretario do curso, intervirá cunha conferencia denominada ‘ Abel Bouhier: estudo científico da paisaxe agraria galega’, tras a cal o enxeñeiro de montes e naturalista Saúl de la Peña Lastra presentará un relatorio sobre as paisaxes microscópicas. Esta primeira xornada péchase coa proxección audiovisual Instantes sutiles, de Fernando de la Peña. O día 19 a actividade comeza cunha intervención da crítica de cine Mercedes Rozas, que falará sobre a arte da paisaxe, mentres Roxelio Pérez Moreira, director do curso, desenvolverá unha conferencia titulada ‘O mito da terra nai e a súa representación artística’. O doutor en bioloxía e especialista en flora ornamentalCarlos Rodríguez Dacal achegará un relatorio sobre xardíns e plantas memorables da terra galega. ‘A ollada fotográfica’, de Xurxo Lobato (fotógrafo artístico) dará paso á intervención de Federico López Silvestre, profesor de Historia das Ideas Estéticas da USC, centrada nas paisaxes funerarias. De novo a xornada péchase cunha proxección: Conmocións biodiversas, tamén de Fernando de la Peña. O día 20, última xornada do curso, ábrese cunha intervención do doutor en filoloxía galega e escritor Emilio Xosé Insua López, na que falará sobre a natureza na literatura galega. O último relatorio do curso virá da man do tamén filólogo e escritor Miguel Anxo Mato Fondo, quen afondará na paisaxe como elemento evocador das lembranzas e da memoria. O curso pecharase cun roteiro polo concello de Guitiriz que leva por nome ‘As pedras memorables e o sentido das augas’. A actividade consta dun total de 22 horas lectivas, e a matrícula pode realizarse a través da páxina web da Área de Cultura da USC.

The contents of this page were updated on 06.26.2012.