BioReDes bota a andar a súa escola de verán para estudantes universitarios
A Agrupación Estratéxica de Investigación BioReDes inaugurou este luns a súa Escola de Verán BioReDes Research Summer School (BioReSuS 2019) dirixida a estudantes de grao e mestrado interesados na investigación sobre produción primaria sustentable e seguridade e calidade alimentaria.
Tralo acto de recepción a cargo do director de BioReDes e catedrático de Xenética da USC, Paulino Martínez, e ca coordinadora do eixo 1 de BioReDes, produción e saúde animal sustentable, Maribel Quiroga Bedeal, o alumnado asistiu a un obradoiro impartido por Laura Sánchez e Ana Quelle sobre a ferramenta de edición xenética CRISPR-Cas, para a continuación visitar o primeiro laboratorio universitario do peixe cebra en Galicia, situado na Facultade de Veterinaria e impulsado polo grupo ACUIGEN.
As actividades de mañá teñen como colofón unha actividade de grupo organizada pola responsable do servizo de Participación e Integración Universitaria da USC en Lugo, Fátima Teixeiro. Xa en quenda de tarde, o alumnado ten a oportunidade de elixir entre sete proxectos multidisciplinares dentro dos eixos da agrupación, alén de participar nunha visita guiada por Lugo en patinete electrónico para fomentar a mobilidade responsable.