Skip to main content

A spin-off Deroceras alcanza a final do Premio RedEmprendia ‘da Universidade á Empresa’

A intuición de que o que estaba investigando para a súa tese “podía ter unha aplicación empresarial” é o punto de partida de ‘Deroceras’, empresa fundada pola doutora en Bioloxía pola USC María Córdoba Otero e que é unha das finalistas do Premio RedEmprendia ‘da Universidade á Empresa’. Deroceras é unha empresa que na actualidade está respaldada pola incubadora de empresas da USC, Uninova, pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento e participada pola propia institución académica. Constituída formalmente dende xuño de 2012, Deroceras é unha spin-off de base tecnolóxica dedicada ao desenvolvemento de modelos preditivos para a prevención, xestión e control eficiente de pragas e enfermidades dos cultivos agrícolas. Para o seu desenvolvemento, a empresa contou co apoio e asesoramento de Uninova, e do programa Empresa-Concepto promovido polos tres universidades galegas e o CSIC. “Moitos sistemas de alerta teñen en conta factores ambientais, pero nós introducimos o parámetro biolóxico. Estudamos e monitorizamos como se comporta o animal segundo eses parámetros, cal é o seu ciclo reprodutivo, ...”, explica María Córdoba. A partir destas investigacións Deroceras desenvolve modelos de predición “máis precisos”, buscando solucións máis naturais para o control de pragas e racionalizando o uso de fitosanitarios e axentes químicos. “O noso obxectivo é contribuír a unha agricultura máis ecolóxica e ofrecer unha trazabilidade dos produtos dende o cultivo ata que chegan á nosa boca”. Ademais da oportunidade de defender o seu proxecto no marco do foro internacional ‘ RedEmprendia Spin 2012’ que se celebrará en Madrid os días 27 e 28 de novembro, ser finalista deste premio brindaralle a posibilidade de “coñecer a xente que está pondo en marcha a súa empresa como eu ou que pertence ao sector biotecnolóxico no que traballamos”, destaca María Córdoba. Precisamente entre os finalistas desta primeira edición destacan especialmente os proxectos empresariais e empresas ligadas ao sector da Biotecnoloxía e as TIC. Un total de 15 propostas impulsadas por universidades de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México, Perú e Portugal competirán polos tres premios do certame. Unha comisión internacional de expertos será a encargada de elixir as propostas gañadoras, entre as que se repartirán tres premios: un primeiro de 25.000 euros, un segundo de 15.000 euros e 10.000 euros para o terceiro clasificado. 130 propostas de 67 universidades iberoamericanas Nesta primeira edición do Premio RedEmprendia ‘da Universidade á Empresa’ concursaron un total de 130 propostas de 67 universidades iberoamericanas, que podían presentar un máximo de 3 proxectos. España e México son os países que rexistraron unha maior participación. No caso español inscribíronse un total de 52 iniciativas empresariais vinculadas a 28 universidades públicas e privadas (un 41% do total). Por parte de México concursaron 27 proxectos de 11 universidades do país, o que supón o 21% dos proxectos en competición. Séguenlle Colombia, con 14 proxectos de 8 universidades (11%); Portugal, 9 proxectos de 5 universidades (7%); Perú e Arxentina, cada unha con 8 candidaturas de 4 universidades diferentes (un 6% do total respectivamente); Brasil, con 6 proxectos inscritos de 3 universidades (4%) e Chile, con 4 candidaturas de 2 universidades (3% do total). Pechan a participación nesta primeira edición, Uruguai e Venezuela, cunha candidatura cada un. RedEmprendia

RedEmprendia é unha rede universitaria iberoamericana que busca promover a transferencia de coñecemento, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e o emprendemento responsable. Na actualidade, está formada por 20 universidades iberoamericanas de sete países (Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, España, México e Portugal), Universia –a maior rede de universidades de fala hispana e portuguesa– e Banco Santander, que a través da súa División Global Santander Universidades (www.santander.com/universidades) apoia as actividades de RedEmprendia.

The contents of this page were updated on 10.31.2012.