Skip to main content

Unha guía facilita aos profesionais da odontoloxía a elección da mellor estratexia terapéutica

Pedro Diz Dios, coordinador da edición, presentou os detalles da obra
Pedro Diz Dios, coordinador da edición, presentou os detalles da obra
Presentouse en Medicina a Guía de prescripción farmacológica en Odontología

Profesionais do eido farmacéutico e odontolóxico da USC e do Sergas presentaron esta mañá na Facultade de Medicina a Guía de prescripción farmacológica en Odontología, que pretende axudar a prescribir medicamentos no contexto da actividade profesional cotiá. A publicación busca ser un instrumento útil para a toma de decisións “sen menoscabar en ningún caso a idiosincrasia de cada paciente, a situación clínica que se aborda e a aplicación duns criterios mínimos de selección de medicamentos” explicou o encargado da edición, Pedro Diz Dios, quen aclarou que por esa razón se excluíron os medicamentos cuxa eficacia non está demostrada de forma concluínte e os que teñen unha relación beneficio/risco inadecuada ou descoñecida ou custe/efectividade comparativa desfavorable. Como explicaron na presentación, existe gran confusión na prescrición de medicamentos debido a unha “oferta farmacolóxica hipertrofiada” caracterizada pola utilización de nomes comerciais, a profusión de medicamentos substancialmente similares ao resto do seu grupo terapéutico e a existencia de múltiples especialidades farmacéuticas para o mesmo principio activo. No acto interviñeron o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González García; o vicedecano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Victor Arce; o xerente de Xestión Integrada da Área Sanitaria de Santiago de Compostela do SERGAS, Luis Verde Remeseiro; o presidente do Consello Galego de Odontoloxía e Estomatoloxía, José María Suárez Quintanilla; e a farmacéutica Carmen Durán Parrondo e o profesor Pedro Diz Dios en representación dos autores. Na elaboración da guía participaron ademais os doutores e docentes do Grupo de Investigación en Odontoloxía Médico-Cirúrxica da USC Javier Fernández Feijoo e Jacobo Limeres Posse; a directora de Procesos sen Ingreso e Urxencias do SERGAS, Dolores López Fernández; e Carlos Rodríguez Moreno, do Servizo de Farmacoloxía Clínica do CHUS.

The contents of this page were updated on 11.30.2012.