Un doutorando do CIQUS recibe unha mención de honra nun concurso internacional de microfotografía
O certame de microfotografía da 38th International Conference on Micro and Nano Engineering (MNE 2012) premiou cunha mención de honra dúas imaxes presentadas polo estudante de doutoramento do CIQUS Manuel Gómez, do grupo de Massimo Lazzari, que tamén fora recoñecido na edición pasada do concurso. As imaxes premiadas, realizadas na unidade de microscopía dos servizos de apoio á investigación da USC (RIAIDT), corresponden con modelos “ bio” empregados para ensaiar a capacidade de nano-replicación cos polímeros sintetizados neste grupo de investigación. A primeira imaxe, titulada orixinalmente ‘Bright Tower’ e retitulada polo xurado como ‘Chicago Parking Structure’, corresponde a unha estrutura fotónica que produce colores moi brillantes en iluminación con luz branca (cor estrutural), mentres que a segunda fotografía, ‘Nanoworld Monster’, representa un detalle do esqueleto silícico dunha diatomea da familia Fragiliaria facilitada por Rafael Carballeira, do Departamento de Botánica da USC, que o equipo de Lazzari utiliza para replicar con polímero dadas as reducidas dimensións das súas estruturas. A International Conference on Micro and Nano Engineering é o evento europeo máis importante en temas de micro e nanofabricación así como as súas aplicacións en electrónica, fotónica, electromecánica e ciencias ambientais e da vida. Na súa edición de 2012 tratáronse catro cuestións principais: Micro- e nanolitografía; Micro- e nanofabricación/Micro-nano enxeñaría; Micro e nanosistemas; e Micro e nanodispositivos e sistemas para bioloxía, química e medicina.