Skip to main content

O segundo foro da Estratexia Dixital 2030 aborda este martes en Ciencias da Comunicación os retos da educación, a saúde e a cultura para a vindeira década

O reitor Antonio López e Mar Pereira, na Facultade de Ciencias da Comunicación este martes. Foto Amtega
O reitor Antonio López e Mar Pereira, na Facultade de Ciencias da Comunicación este martes. Foto Amtega
O segundo dos foros de debate da edeg2030 céntrase nas posibles aplicacións das tecnoloxías dixitais para implantar novos modelos educativos
Santiago de Compostela

Profesionais do ámbito educativo, sociosanitario e cultural, xunto con responsables de diferentes departamentos da Administración autonómica e da universidade, abordaron este martes na Facultade de Ciencias da Comunicación as liñas de actuación da futura Estratexia Dixital de Galicia 2030 (edeg2030) para aplicar a tecnoloxía aos retos en torno á educación, a saúde, o benestar e o ámbito cultural.

O segundo dos foros de debate da edeg2030 céntrase nas posibles aplicacións das tecnoloxías dixitais para implantar novos modelos educativos e formativos, para mellorar e protexer a saúde ao longo de todo o ciclo vital e para dinamizar o patrimonio e a produción cultural e turística. É a segunda xornada de debate para a elaboración da edg2030 e foi inaugurada este martes pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López.

Mar Pereira sinalou que no proceso de elaboración da edg2030, ademais da colaboración do sector tecnolóxico, terán un papel chave outros ámbitos como o humanístico e ético, o xurídico ou o económico. Neste sentido, Pereira, quixo recalcar que, a aplicación das tecnoloxías disruptivas ten un importante potencial para o desenvolvemento económico pero tamén implica enfrontarse a importantes dilemas éticos, que precisa dun enforque multidisciplinar.

Pola súa banda o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, abundou na necesidade do enfoque multidisciplinar da edg2030, sinalando que “detrás das novas tecnoloxías temos que ver tamén as humanidades”. En canto aos retos inmediatos no ámbito da educación apuntou, entre outros, que é preciso “facer un esforzo para eliminar a fenda dixital nos estudos STEM e para incrementar o número de graduados nestes estudos” cunha alta demanda laboral.

Primeiro dos fitos previstos
Estes Foros de Debate, organizados pola Amtega en colaboración cos diferentes departamentos da Xunta e as tres universidades galegas, constitúen o primeiro dos fitos previstos na elaboración da Estratexia Dixital para a vindeira década. En total, esta semana celebraranse catro sesións de traballo nos campus de Ourense, Santiago, Vigo e A Coruña, que congregarán aos axentes implicados en procesos de transformación dixital en distintos ámbitos de actuación, e de representantes das principais empresas da Comunidade, do hipersector TIC, das institucións públicas e da sociedade civil.

Trátase dos primeiros encontros previstos neste proceso participativo, no que se contará tamén coas achegas da cidadanía a través do portal da Amtega (https://amtega.xunta.gal/edg2030-participa), así como dun comité de expertos que trasladen a súas expectativas, visións e preocupacións en torno a retos definidos previamente coas diferentes consellerías. O obxectivo final é dispoñer dunha folla de ruta para abordar os retos derivados da transformación dixital.

Workshops en torno a catro temas
Durante esta semana máis de 500 profesionais de diferentes ámbitos, repartidos en doce grupos de traballo están a facer as súas achegas para definir as liñas de actuación da futura edg2030 en torno a catro áreas temáticas: Territorio Verde e Conectado, Vida Dixital, Economía Aberta e Especialización Tecnolóxica.

A edg2030 quere contribuír a un desenvolvemento sostible da Comunidade, tanto a nivel económico, como social e medioambiental. Esta nova folla de ruta para a vindeira década enmárcase na políticas europeas para incrementar o despregamento de tecnoloxías dixitais clave a gran escala e promover a súa adopción para que os beneficios da transformación dixital cheguen a todo o mundo.

Metodoloxía
Para a elaboración da Estratexia Galicia 2030 establécese a metodoloxía de elaboración derivada do Centro Común de Investigacións da UE, contando con paneis de profesionais non soamente tecnolóxicos, senón tamén do ámbito do dereito, a economía e as humanidades. Estas achegas multidisciplinares serán de especial relevancia á hora de facer fronte ás cuestións éticas, xurídicas, e económicas derivadas dos novos modelos sociais e económicos vinculados á Intelixencia artificial, ao tratamento dos datos, ás adiccións, aos ciberdelitos ou o futuro do emprego, entre outras.

Ademais, constituirase unha comisión permanente de expertos que participen tanto nas funcións de vixilancia tecnolóxica como de análise do impacto das diferentes liñas de acción da transformación dixital en Galicia.

The contents of this page were updated on 01.02.2020.