Skip to main content

A catedrática da USC Patrocinio Morrondo ingresa como académica numeraria na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

No seu discurso reivindicou maior coordinación entre os sectores implicados para erradicar unha enfermidade que afecta “de maneira estimable” ao rendemento produtivo das granxas

A catedrática da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, Patrocinio Morrondo Pelayo, ingresou este xoves na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia como académica numeraria, converténdose na primeira académica de número electa logo de que en 2011 se convocasen as primeiras cinco prazas.

Na sesión de ingreso, que tivo lugar na sede da academia, no Antigo Hospital de San Roque de Santiago, Patrocinio Morrondo pronunciou o discurso de ingreso ‘Hipodermose bovina: claves para o seu control tras 20 anos de estudo en Galicia’, ao que lle contestou o académico de número José Luis Benedito Castellote. No mesmo acto o reitor da USC, Juan Casares Long, interveu para felicitar á profesora do Campus lugués.

No seu discurso Patrocinio Morrondo explicou como desde finais dos 80 a Unidade de Parasitoloxía e Enfermidades parasitarias da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo comezou, conxuntamente co Profesor Díez Baños, unha liña de investigación sobre a hipodermose bovina con particular atención á súa presenza en Galicia. En todos estes anos de estudo comprobaron que nalgunhas zonas de Galicia a seroprevalencia alcanza ata o 70%, “se ben se aprecian notables variacións ao ter en conta as condicións climáticas das áreas de estudo”, aclarou a catedrática.

A hipodermose é unha enfermidade específica do gando vacún producida por larvas de moscas, que se desenvolven e alimentan exclusivamente de tecidos vivos dos bovinos. Dado que presenta unha escasa sintomatoloxía non sole preocupar ao gandeiro. Non obstante, aínda que as perdas totais debidas a esta parasitose non son facilmente cuantificables, si supoñen anualmente cifras moi estimables para o conxunto do país xa que ocasiona depreciación de peles e coiros, perda de valor da canal, redución na produción láctea, retraso do crecemento e menor ganancia de peso, ademais doutros danos colaterais que se refiren ao peor aproveitamento dos nutrientes, menor eficacia das vacinas ou autolesións, entre outros.

Por estas razóns, a catedrática do campus lugués advertiu da necesidade de controlar esta enfermidade –o seu grupo ten feito achegas importantes sobre a diagnose precoz e o tratamento adecuado-, algo que está paralizado “pola falla de coordinación entre os diversos sectores implicados”.

Se se lograse reducir as taxas de infestación a niveis aceptables “melloraría a sanidade dos animais e se incrementarían os rendementos produtivos das granxas aos que a hipodermose afecta de forma negativa”, dixo Morrondo. Tamén así se suprimirían as trabas para o libre comercio internacional esixidas pola Unión Europea e polos países veciños nos que a hipodermose se atopa practicamente erradicada e que non permiten movementos de gando procedente de zonas afectadas sen o pertinente control.

Patrocinio Morrondo

Doutora en Ciencias Biolóxicas e en Veterinaria pola Universidade de León, Patrocinio Morrondo consegue en 1993 a titularidade de Patoloxía Animal da Universidade de Santiago e en 2000 a Cátedra da Área de Sanidade Animal co perfil de Parasitoloxía e Enfermidades Parasitarias da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Participou en 22 proxectos de investigación nacionais ou autonómicos -como investigadora principal na metade deles- e coordinou máis dunha trintena de contratos con administracións públicas e empresas privadas, aproveitando os seus coñecementos parasitolóxicos para o desenvolvemento tecnolóxico.

Revisora de revistas internacionais e nacionais, a profesora Morrondo foi avaliadora de Proxectos de investigación da ANEP-CICYT, da ANECA, da Axencia de Xestión de Axudas Universitarias de Investigación de Cataluña, da Axencia Valenciana de Avaliación e Prospectiva e da Axencia Canaria de Calidade e Acreditación. En 2009 foi nomeada presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

A Academia

A Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia creada en 2005 está formada por oito membros fundadores, 14 académicos honorarios e 17 académicos correspondentes entre os que se atopa a profesora Morrondo, que agora pasa a ser académica de número.

The contents of this page were updated on 01.26.2012.