Skip to main content

María José López Couso, nova decana da Facultade de Filoloxía

María José López Couso, nova decana da Facultade de Filoloxía
María José López Couso, nova decana da Facultade de Filoloxía

A profesora María José López Couso acaba de ser elixida decana da Facultade de Filoloxía con 100 votos a favor, 26 brancos e un nulo. López Couso, única candidata a estas eleccións, ocupaba o cargo de vicedecana no último mandato do decano saínte, o profesor Ernesto González Seoane. Xunto con María José López completan o equipo decanal os vicedecanos Belén López Meirama, de Lingua Española, e Javier Gutiérrez Carou, de Filoloxía Italiana, ademais de Elisa Fernández Rei (Filoloxía Galega) como secretaria. Todas persoas con experiencia no ámbito da xestión universitaria, ben en departamentos ou en tarefas de coordinación de titulación. Para os vindeiros catro anos o novo goberno da Facultade pretende completar o proceso de implantación das cinco titulacións de grao que se imparten no centro á vez que finalizar o proceso de extinción das distintas licenciaturas prestando especial atención aos problemas derivados deste proceso. Por outra banda, revisarase a oferta académica dos títulos de grao e máster ofertados pola Facultade á luz do Decreto da Xunta do pasado mes de decembro polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia. A nova decana comprométese tamén a buscar solucións para os problemas de espazo do centro, en particular os que se atopan os grupos de investigación para desenvolver a súa actividade, e a actualizar a dotación de recursos de apoio á docencia. López Couso María José López Couso é profesora titular do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da USC dende novembro de 1997. Ademais da súa actividade en Compostela, nos últimos anos levou a cabo tarefas docentes e de investigación nas universidades de Edimburgo, Freiburg, Glasgow, Helsinki, Xaén, Málaga, Manchester, Munich, Murcia, Vigo e University College London. Forma parte do grupo de investigación Variation, Linguistic Change and Grammaticalization dirixido pola profesora Teresa Fanego e é investigadora principal do proxecto ‘Construcionalización e gramaticalización na lingua inglesa’ financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade. A súa investigación enmárcase nos procesos de variación e cambio lingüístico na lingua inglesa, en particular nos procesos de gramaticalización, construcionalización, e (inter)subxectivización en ámbitos como os marcadores do discurso, as construcións existenciais e a complementación clausal. Sobre estes temas publicou artigos nas revistas English Language and Linguistics, Neuphilologische Mitteilungen, Folia Linguistica, Journal of English Linguistics ou Folia Linguistica Historica. É tamén co editora dos volumes English historical syntax and morphology (2002), Rethinking grammaticalization: New perspectives (2008), Theoretical and empirical issues in grammaticalization (2008) e Information structure and syntactic change in the history of English (2012). Ocupou cargos de responsabilidade en varias asociacións nacionais e internacionais no ámbito da lingüística como o International Computer Archive of Modern and Medieval English, a Asociación Española de Estudios Anglo-Norteamericanos, a Asociación Española de Lingüística Aplicada e a Asociación Española de Lingüística de Corpus, e forma parte do comité editorial de revistas da especialidade como Folia Linguistica ou Atlantis, entre outras.

The contents of this page were updated on 03.01.2012.