Skip to main content

Un curso en Dereito analiza o concepto de constitucionalidade no ámbito europeo

O XIV curso de Introdución ao Dereito Constitucional da UE estudará o concepto da constitucionalidade no ámbito europeo logo do Tratado de Lisboa, tendo en conta as últimas tendencias que neste ámbito se están a producir como reacción á crise. As clases celebraranse os martes e os mércores en horario de 16.00 a 18.00 horas dende o 29 de febreiro ata o final do cuadrimestre.

Esta é unha acción formativa cuxo programa docente arrancará coa análise da tipoloxía de organizacións políticas e de constitucións e do modelo constitucional da integración europea. Proseguindo cun achegamento ao tratado de Lisboa e o estudo de casos comparados, o curso prestará atención á postura dos estados membro e a sentenza alemá respecto do Tratado. Para rematar, o programa prestará atención ás reformas constitucionais dos estados membros e propostas para vindeiros tratados.

As persoas que se matriculen poderán validar a súa asistencia por 8 créditos de libre configuración para todas as titulacións. A avaliación do aproveitamento do curso realizarase tendo en conta o resultado rexistrado no exame final, os traballos presentados e a participación nas aulas. Ademais, será preciso asistir como mínimo ao 50 por cento das clases, agás casos xustificados.

Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse aos correos electrónicos acp.menaut [at] usc.es (acp[dot]menaut[at]usc[dot]es) ou ivan.arias1 [at] rai.usc.es (ivan[dot]arias1[at]rai[dot]usc[dot]es) na Área de Dereito Constitucional.

Ligazóns relacionados:

The contents of this page were updated on 01.24.2012.