Skip to main content

O Grupo Compostela de Universidades contará cun estudante en prácticas do Loras College de Iowa

Joshua Utter, no centro, nunha foto de grupo cos seus novos compañeiros de traballo
Joshua Utter, no centro, nunha foto de grupo cos seus novos compañeiros de traballo

O Grupo Compostela de Universidades incorporará ata o mes de abril ao estudante en prácticas do Loras College de Iowa (Estados Unidos) Joshua Utter, que ademais de asistir a un dos Cursos Internacionais da USC durante a súa estadía terá a ocasión de coñecer o complexo traballo desta rede universitaria internacional.

O acto de recepción tivo lugar este martes nas instalacións do Grupo Compostela na Casa da Cuncha. Alí o vicerreitor de Relacións Exteriores, Víctor Millet, e a xerente de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud, recibiron ao director da oficina Study Abroad do Loras College, Mark E.Kehren, e ao estudante.

International Video Contest
Coa recepción dun estudante na súa Secretaría, o Grupo Compostela continúa unha liña de actividades centradas na comunidade estudantil que xa collera forza co anuncio ás universidades, a finais do ano pasado, da celebración do seu primeiro concurso internacional de vídeos. Un total de 16 institucións de nove países diferentes (Chile, Hungría, Lituania, Marrocos…) decidiron adherirse a este programa no que tamén participará a USC.

O concurso propón a elaboración de vídeos curtos (entre 1 minuto e medio e 2 minutos de duración) nos que se promocione a universidade do alumno e o Grupo Compostela da forma máis orixinal e creativa posible. O vídeo debe estar realizado en inglés ou con subtítulos e co logo do Grupo presente en todo momento. Ademais, non existen requirimentos técnicos de xeito que a peza pode ser gravada empregando un teléfono móbil ou webcam ata cámaras sofisticadas.

O estudante debe resultar primeiro gañador dun concurso interno na súa universidade. Tras superar esta fase, os estudantes pasarán a participar no concurso internacional do CGU, podendo gañar unha viaxe a Oulu (Finlandia) para asistir, no contexto da Asemblea Xeral do Grupo, á cerimonia de entrega dun certificado por parte dunha personalidade relevante dos medios audiovisuais. O seu vídeo terá tamén difusión internacional a través das plataformas de comunicación do Grupo Compostela e da súa reprodución en eventos internacionais nos que participe.

The contents of this page were updated on 01.24.2012.