Skip to main content

A catedrática da USC Patrocinio Morrondo ingresa como académica numeraria na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia

A catedrática da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo, Patrocinio Morrondo Pelayo, ingresa este xoves 26 como académica numeraria na Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia, converténdose na primeira académica de número electa logo de que en 2011 se convocasen as primeiras cinco prazas.

Na sesión de ingreso, que terá lugar ás 19.00 horas na sede da academia, no Antigo Hospital de San Roque (r/ San Roque nº2), Patrocinio Morrondo pronunciará o discurso de ingreso ‘Hipodermose bovina: claves para o seu control tras 20 anos de estudo en Galicia’. Contestaralle o académico de número José Luis Benedito Castellote. No mesmo acto o reitor da USC, Juan Casares Long, intervirá tamén para felicitar á profesora do Campus lugués.

Patrocinio Morrondo

Doutora en Ciencias Biolóxicas e en Veterinaria pola Universidade de León, Patrocinio Morrondo consegue a titularidade de Patoloxía Animal da Universidade de Santiago en 1993 e desde 2000 é catedrática da Área de Sanidade Animal co perfil de Parasitoloxía e Enfermidades Parasitarias da Facultade de Veterinaria de Lugo.

Participou en 22 proxectos de investigación nacionais ou autonómicos -como investigadora principal na metade deles- e coordinou máis dunha trintena de contratos con administracións públicas e empresas privadas, aproveitando os seus coñecementos parasitolóxicos para o desenvolvemento tecnolóxico.

Revisora de revistas internacionais e nacionais, a profesora Morrondo foi avaliadora de Proxectos de investigación da ANEP-CICYT, da ANECA, da Axencia de Xestión de Axudas Universitarias de Investigación de Cataluña, da Axencia Valenciana de Avaliación e Prospectiva e da Axencia Canaria de Calidade e Acreditación. En 2009 foi nomeada presidenta da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

A Academia
A Academia de Ciencias Veterinarias de Galicia creada en 2005 está formada por oito membros fundadores, 14 académicos honorarios e 17 académicos correspondentes entre os que se atopa a profesora Morrondo, que agora pasa a ser académica de número.

The contents of this page were updated on 01.25.2012.