O XIX Encontro de Economía Pública reúne a expertos internacionais á procura de respostas fronte a crise
‘Políticas Públicas para a saída da crise’ é o lema baixo o que se vai desenvolver este xoves 26 e o venres 27 o XIX Encontro de Economía Pública, punto de encontro de profesores de preto de trinta universidades españolas así como de Melbourne, Galway, Torino, Michoacán, Copenhague, Atlanta ou Maryland, xunto a expertos da Comisión Europea, do Bundesbank, do Banco de España, do Banco Central Europeo ou do Consello de Contas, entre outros.
En base a grupos independentes de reflexións, os expertos porán en común os seus traballos analíticos no campo das políticas públicas na procura de atopar respostas á profunda recesión económica actual dende o sector público. Como explica o presidente do Comité Organizador, Luis Caramés, se trata dun contexto esixente, caracterizado pola rapidez dos cambios e a amplitude dos desafíos, “máis complexos ca os do pasado e máis difíciles de prever”.
O programa definido para o encontro desenvolverase en diversas sesións paralelas, comezando este mesmo xoves 26 ás 9.30 horas nas que se tratará sobre ‘Desigualdade e pobreza’, política fiscal, elección pública, administración e socioloxía tributaria e economía da saúde. A presentación de relatorios realizarase de xeito simultáneo na Fundación Novacaixagalicia-Claudio San Martín (r/ do Vilar, 19), no Auditorio do Centro Social de Novacaixagalicia (praza de Cervantes, 17), no auditorio da Fundación Araguaney, na Fundación Gonzalo Torrente Ballester e na Confederación de Empresarios de Galicia. Ás 12.00 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia, celebrarase a sesión inaugural e a conferencia do profesor da Universidade de Yale John Roemer, un destacado economista polas súas contribucións no eido do marxismo analítico e a teoría da xustiza distributiva. O programa continuará pola tarde con diversas sesións paralelas
Ademais do debate e a presentación de relatorios, o Círculo Financeiro de La Caixa creou o premio Alexandre Pedrós, dotado con 3.000 euros, e que se outorgará ao mellor traballo presentado no encontro. O xurado presidirano Miquel Roca Junyent, en representación do Círculo Financeiro, e o catedrático da Universidade Pompeu Fabra, Guillerm López i Casasnovas. A entrega do premio celebrarase o venres 27 na sesión de clausura, nun acto previsto para as 17.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.