Presentación da iniciativa Vindeira Capital Network
O luns 16 comeza o proceso que concluirá no mes de maio próximo coa celebración do III Encontro Vindeira Capital Network (VCN) e no que promotores de proxectos de nova empresa tecnolóxica, previamente seleccionados, poderían optar a fondos para investimento de ata corenta millóns de euros.
Os promotores de VCN presentarán os detalles desta convocatoria o próximo luns 16 no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome nunha rolda de prensa ás 12.00 horas na que intervirán o reitor da USC, Juan Casares; o presidente de Vindeira, Antonio Rodríguez del Corral; a directora xeral de Bic Galicia, Maite Cancelo; o presidente do Cluster TIC Galicia, Gerardo Crespo Riestra; e o conselleiro delegado de Uninvest/Unirisco, Carlos Hernández.
Coa asistencia ao III Encontro VCN de analistas, conselleiros delegados e directores de investimento dos máis importantes fondos de capital risco e Business Angels en materia TIC de toda España, os proxectos seleccionados poderían ter acceso a investimento por valor de ata 40 millóns de euros. O obxectivo deste terceiro encontro é ofrecer un conxunto de proxectos que convenzan aos posibles inversores e dean lugar a novas empresas ou á ampliación de empresas xa existentes.