Skip to main content

As universidades contribúen a través do ‘turismo académico’ ao crecemento económico dos territorios nos que se emprazan

Un turista académico, analizado en base ao número de noites de estadía, equivale a 80 turistas convencionais. Ademais, son persoas que realizan viaxes a outras partes de Galicia e reciben visitas de familiares e amigos durante a súa estadía O dato, que achegan os profesores de Ciencias Económicas e Empresariais Xosé A. Rodríguez González, Fidel Martínez Roget e Ewa Pawlowska, vén poñer a énfase no “moi significativo” crecemento que o turismo académico internacional experimentou en Galicia nos últimos anos. Un artigo asinado polos tres investigadores no que se desenvolve esta idea acaba de ser aceptado pola revista Tourism Management, publicación que conta co maior índice de impacto no Journal Citation Report (JCR) no seu ámbito.

No traballo, titulado ‘Academic tourism demand in Galicia, Spain’, poñen de relevancia a importancia do turismo académico nesta comunidade, entendéndoo como o conxunto de actividades realizadas polas persoas durante as súas estadías, de duración inferior a un ano, nas institucións de educación superior e fóra do seu lugar de residencia habitual. Segundo os investigadores, a importancia deste turismo nas economías locais enténdese máis facilmente se se analiza non só numericamente, senón tendo en conta outras variables.

O turismo académico presenta unha serie de vantaxes económicas fronte ao turismo convencional que os autores concretan na maior duración das estadías, a xeración de visitas adicionais, a menor estacionalidade e patróns de consumo máis similares aos da poboación local, o que favorece a demanda de produtos e servizos do lugar.

Ademais da evolución e da situación, no artigo analízanse os determinantes desta tipoloxía de turismo subliñando que a demanda depende principalmente de factores non estritamente económicos. Neste senso, a investigación apunta a importancia dos hábitos e preferencias dos estudantes estranxeiros, a facilidade de mobilización que supón o programa Erasmus ou o atractivo diferencial da USC como algúns dos factores que resultados máis significativos.

A partir da análise presentada, os docentes propoñen unha serie de recomendacións de cara ao deseño de políticas efectivas dirixidas a este segmento de turismo. Así, dada a evolución experimentada e o seu potencial de crecemento, os expertos sinalan a necesidade de que, ademais das propias universidades, os responsables locais e o goberno rexional se impliquen no desenvolvemento e na promoción desta tipoloxía de turismo. Na mesma liña recomendan poñer a disposición destes turistas unha boa información e axuda para solucionar diferentes problemas (vivenda, trámites administrativos, dificultades idiomáticas,...).

The contents of this page were updated on 01.17.2012.