Skip to main content

Estudantes de doutoramento en Economía analizarán as súas investigacións cun dos maiores expertos do mundo en planificación económica rexional

Geoffrey Hewings, director e fundador do Regional Economics Applications Laboratory (REAL), participa esta semana nun encontro científico en Santiago

Estudantes de doutoramento e doutores e doutoras recentes en Economía terán esta semana a oportunidade de discutir os seus traballos de investigación co profesor Geoffrey Hewings, director e fundador do Regional Economics Applications Laboratory (REAL) da Universidade de Illinois at Urbana-Champaign (EE.UU.) e un dos maiores expertos do mundo en planificación económica rexional.

Nun encontro científico organizado polo grupo de investigación GAME e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC, os días 19 e 20 no Salón de Graos da Facultade de Relacións Laborais de Santiago o profesor Hewings coñecerá de primeira man once traballos presentados por persoal investigador da USC e outras catro universidades españolas –Oviedo, Estremadura, Zaragoza e Las Palmas de Gran Canaria-. A xuntanza contará tamén coa asistencia do prestixioso profesor Bart Los, da Universidade de Groningen e editor da revista Economic Systems Research.

Esta é a terceira reunión científica en honra do profesor Hewings na que el mesmo participa, sendo as dúas anteriores na Universidade de Oviedo, promotora da iniciativa. Os traballos que se presentarán no encontro de Santiago, que dará comezo ás 16.00 horas deste xoves, versarán sobre os factores de crecemento do emprego no mercado local en España, o emprego temporal nas actividades turísticas e as diferenzas rexionais, o turismo e a distribución da renda en Galicia ou os efectos macroeconómicos das medidas fiscais na UE, entre outros asuntos.

Pioneiro
A aparición do REAL, que dirixe dende o principio o profesor Hewings, supuxo unha nova forma no quefacer dos institutos de investigación en economía aplicada do mundo por canto adoptou un enfoque eminentemente práctico –de aí a inclusión do termo ‘laboratorio’ na súa definición- á vez que tentaba desenvolver novas tecnoloxías nese campo de estudo e traballo. Ademais, foi un dos pioneiros na implicación, en materia económica, da actividade académica na sociedade á que se dirixe.

Geoffrey Hewings, profesor de Economía e Planificación Urbana e Rexional na Universidade de Illinois, foi ademais presidente da Asociación Internacional de Ciencia Rexional (RSAI) que aglutina principalmente a persoal investigador nos eidos da economía, a xeografía e o urbanismo.

The contents of this page were updated on 01.18.2012.